Entran en vigor os orzamentos galegos para 2023

Unhas contas que son "as máis altas da historia", ascenden a 12.620 millóns de euros e nacen co obxectivo de "axudar, protexer e acompañar ás familias que máis o necesiten e ás empresas na conxuntura actual".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/01/2023 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

Este domingo entran en vigor os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2023, unhas contas que son "as máis altas da historia", que ascenden a 12.620 millóns de euros e que nacen co obxectivo de "axudar, protexer e acompañar ás familias que máis o necesiten e ás empresas na conxuntura actual".

Ademais, tal e como destaca o Goberno nun comunicado, son tamén uns orzamentos de "impulso". "Un impulso baseado nunha política fiscal propia e previsible que aposta por baixar os impostos todo o posible; no reforzo constante e continuo dos servizos públicos, no endebedamento responsable e en máis reforzo no investimento produtivo", detallan.

Lembran que os Orzamentos de 2023 reforzan un ano máis o gasto social (sanidade, educación, políticas sociais e fomento do emprego). Así, estes orzamentos inclúen o maior gasto social da historia de Galicia que ascende a 9.368 millóns de euros (709 máis que no vixente exercicio) para a sanidade, o ensino, as políticas sociais e o emprego.

Tamén inclúen un reforzo do investimento produtivo, de forma que o próximo exercicio, Galicia disporá de 2.772 millóns de euros para investimentos, un 8,5 % máis que no 2022 co obxectivo de axudar a impulsar investimentos que aceleren a transformación do tecido produtivo, en especial, mobilizando os fondos europeos Next Generation, apoiando aos sectores produtivos estratéxicos, e fomentando un tecido produtivo moderno, eficiente, internacionalizado e sustentable.

Ademais, as contas que entran en vigor este 1 de xaneiro reforzan con máis de 500 millóns de euros cinco liñas de actuación prioritarias para acompañar a familias e empresas nesta conxuntura de alza de prezos e con medidas para impulsar a competitividade. Estas liñas de actuación son: apoio e protección das familias e das persoas; aforro e eficiencia enerxética; dinamización económica; protección do medio ambiente, loita contra a seca e o cambio climático; e fortalecemento dos servizos públicos autonómicos.

REBAIXAS DE IMPOSTOS

En materia de política fiscal, remarcan que os orzamentos recollen unha serie de medidas de alivio fiscal e de fomento da competitividade para axudar a mitigar os efectos da alza de prezos.

No Imposto da Renda, defláctanse con carácter retroactivo ao 1 de xaneiro de 2022 os tres primeiros tramos do IRPF e rebáixase por cuarta vez en nove anos o IRPF, neste caso, o tramo autonómico máis baixo para rendas máis modestas, que pasa do 9,4 % ao 9 %.

Así, argumentan que os cidadáns galegos aforrarán na declaración deste 2023 unha media de 476 euros en relación ao que pagaban en 2009. Por outra banda, Galicia será a primeira comunidade en equiparar a efectos fiscais as familias con dous fillos ás familias numerosas cunha dedución de 250 euros no IRPF.

Tamén se duplica a dedución que se aplica ás familias numerosas, co que a dedución das familias con tres fillos será de 500 euros, cun aumento doutros 250 euros por cada fillo a maiores.

Diñeiro
Diñeiro | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta