Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 03/01/2023 | Actualizada ás 20:30
As choivas en Galicia podería dicirse que son sinónimo de normalidade. Se ben, non en tanta cantidade como estamos vendo neste último mes. Sen ir máis lonxe, o 1 de xaneiro foi en moitos municipios galegos o día máis chuvioso dos 10 últimos anos. Menudo arranque de 2023! Pasado por auga non, afogado!
Analizando os datos históricos proporcionados por Meteogalicia para a estación meteorolóxica de Areas, situada en Tui (o concello onde máis cantidade de auga se adoita rexistrar cando hai treboadas), confírmase que o que se viviu o pasado domingo non é algo frecuente. En concreto, caeron ao longo da xornada 125,8 litros por metro cadrado.
Esta cifra nin tan sequera se iguala nos últimos cinco anos (o máximo día de choiva en 2022 foi o 23 de outubro, con 82,4 litros por metro cadrado; o de 2021, o 2 de febreiro, con 56,2; o de 2020, o 16 de decembro, con 44,5; o de 2019, o 16 de outubro, con 89,8; o de 2018, o 9 de novembro, con 52,4; e o de 2017, o 3 de febreiro, con 53).
Para tratar de aproximarse habería que remontarse ao mes de xaneiro de 2013, con 121,8 litros por metro cadrado. Tamén por enriba dos 100 litros por metro cadrado estarían xornadas de decembro de 2013 (121,6), de decembro de 2012 (111,6) e de setembro de 2015 (108,2 litros por metro cadrado).
Ademais, é importante destacar que o acumulado de choivas dos últimos tres meses tamén está fóra de toda normalidade. Segundo os datos de Meteogalicia para esta estación meteorolóxica de Tui, o pasado mes de decembro acumuláronse nada menos que 447,6 litros por metro cadrado de auga procedente das choivas; pero é que en novembro foran 469,2; e en outubro, 406,4. A media desos meses sería duns 15 litros por metro cadrado ao día.
Nunca sucedeu dende que hai rexistros nesta axencia galega que se sucedesen tres meses con máis de 400 litros por metro cadrado acumulados. O máis cercano sería o ano 2016, cando en xaneiro caeron 463,4 litros e en febreiro 416,8. Mais para atopar un valor similar a esos 469 litros por metro cadrado do mes de novembro, habería que remontarse anos atrás, ata decembro de 2012, cando se sumaron 480,4.
Por outra banda, polo que respecta aos días de choiva, cabe dicir que aos galegos pareceunos xa algo do outro mundo que este luns saíse o sol. Olvidarámonos xa de como era ver o ceo azul. E é que ademais de comezar o ano chovendo, en decembro tan só houbo oito días sen precipitacións: o 1, 2, 3, 5, 6, 16, 18 e 27. En anos anteriores, houbera 11 días (2021), 6 (2020), 13 (2019), 16 (2018) e 16 (2017).
E que nos deparará xaneiro? Toca esperar. Este luns foi alentador, pero parece que o fin de semana tras Reis estará marcado novamente por unha borrasca das gordas, que traerá consigo, novamente, intensas choivas. Nin unha semana de tregua! Polo momento, o que é seguro é que con 125,8 litros por metro cadrado acumulados xa no primeiro día do mes, moi secos terían que ser os trinta restantes para que este non fose un mes de récord.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.