O adianto xeneralizado das rebaixas tras o Nadal resta impacto ao comezo 'oficial' dos descontos en Galicia pasado Reis

Grandes superficies e pequenos comercios iniciaron as súas ofertas o 26 de decembro, antes da campaña que arrinca este sábado 7.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/01/2023 | Actualizada ás 12:22

Comparte esta noticia

O adianto xeneralizado das rebaixas resta impacto, un ano máis, ao comezo 'oficial' dos descontos este sábado 7 de xaneiro, un día despois de Reis.

E é que grandes superficies e tamén multitude de pequenos comercios iniciaron as súas ofertas o pasado 26 de decembro, xusto pasado o Nadal.

"Este ano empezouse antes", coinciden varios representantes de asociacións de comerciantes galegos en declaracións a Europa Press.

A portavoz de comerciantes do Calvario, en Vigo, Encarna Álvarez, sinala que as "macrorrebaixas" ocupan os escaparates das tendas da cidade olívida desde despois de Nadal.

O pequeno comercio, laméntase, síntese "desprotexido" ante o comportamento das grandes superficies e en concreto esta representante reclama "volver a como se estaba hai anos, cando había unha norma" e as rebaixas non podían empezar ata pasado Reis.

"Sentímonos enfadados", incide. "Os grandes xa tiñan descontos do 30 % e do 50 % o día 26 e nós non podemos entrar niso. Menos, unha semana antes da semana de vendas, porque a semana de Reis o comercio vende", constata.

Por iso, e ante a convicción de que "non é xusto", pide "pór outra vez orde" ás tempadas de rebaixas, desregularizadas hai anos.

"SPRINT FINAL"

Desde A Coruña, a responsable da asociación zona comercial Obelisco, Isabel Porto, sinala que na cidade herculina xa hai "moitas tendas con rebaixas" desde despois de Noiteboa.

Advirte de que, no novo escenario, existen "bos prezos todo o ano" e engade que, na cidade herculina, o pequeno comercio súmase aos descontos adiantados como forma de resistir ante as grandes superficies. "A xente non vai esperar a despois de Reis. Imos darlle á xente o que quere", comenta.

O panorama económico "non é como outros anos" e en 2023 "non hai diñeiro", segundo percibe. Con todo, considera que "o sprint final" foi "ben".

O que ocorrerá a partir deste 7 de xaneiro "se cadra témese" desde o sector, confesa Porto, posto que "a xente igual gastou moito" durante este período do Nadal.

En calquera caso, quedará marxe para algún desconto máis: "Un pouco máis cara a ao final e en febreiro como sempre", segundo expón.

Varias persoas camiñan fronte a unha tenda de Mango
Varias persoas camiñan fronte a unha tenda de Mango | Fonte: Eduardo Parra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta