Catro novos casos de gaivotas con gripe aviaria elevan a 29 os focos en Galicia

Foron atopadas na Coruña, Xove, Vilagarcía de Arousa e Sada.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/01/2023 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de catro exemplares de gaivota afectados por 'influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP)' (gripe aviaria), confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Unha gaivota pousada nun muro
Unha gaivota pousada nun muro | Fonte: IEO

Tres dos exemplares, achados nos concellos da Coruña, Xove e Vilagarcía de Arousa, son da especie gaivota patiamarela, e o cuarto, localizado no municipio de Sada, pertence á especie gaivota reidora.

Dous exemplares foron atopados enfermos e os outros dous mortos. Todos foron trasladados aos respectivos Centros de Recuperación da Fauna Silvestre de cada provincia, dependentes da Consellería de Medio Ambiente, onde foron muestrados e eliminados posteriormente conforme á normativa vixente.

Así, con estes novos casos son xa 29 o total de focos notificados en Galicia en aves silvestres. A nivel estatal, continúan as notificacións de aves silvestres infectadas, tanto migratorias como residentes, e pertencentes a distintos hábitats e familias avícolas.

Desde o inicio do pasado ano 2022 e ata a data, un total de 13 das 17 comunidades autónomas notificaron algún caso de gripe aviaria en aves silvestres, das que o mascato continúa polo de agora como especie de máis frecuente detección nos últimos meses, con casos notificados, ademais de en Galicia, nas comunidades autónomas do litoral cantábrico ou atlántico, como Asturias, Cantabria, País Vasco e Andalucía.

A detección recente de gaivotas infectadas, aves máis ubicuas e de hábitos máis terrestres que os mascatos, supón un aumento no nivel de risco de aparición da enfermidade nas aves domésticas, polo que a Consellería do Medio Rural lembra a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta