Incorporada a biografía do galeguista Salvador Cabeza de León ao Álbum de Galicia

Cabeza de León foi tamén secretario da Real Sociedade Económica de Amigos do País e membro fundador da Real Academia Galega.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2023 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

O Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega incorporou a biografía de Salvador Cabeza de León, catedrático de Dereito e figura que destacou por promover, xunto con Cotarelo Valledor, a a democratización e galeguización da vida académica compostelá.

Tal e como lembra o Consello, foi un activo impulsor das pretensións cívicas de Galicia e participou na comisión que, en 1932, impulsou un movemento municipalista a favor da autonomía. A súa entrada no Álbum de Galicia é autoría de Xosé Ramón Fandiño.

Nacido en Betanzos, trasladouse coa súa familia a Santiago aos dous anos de idade. En Compostela licenciouse en Dereito en 1884 e, tres anos máis tarde, obtivo o grao de doutor na Universidade Central. Desde esa data exerceu como profesor auxiliar ata que se converteu en catedrático de Dereito Internacional en 1903 e de Dereito Canónico en 1919.

Ademais, Cabeza de León estivo "comprometido coas actividades culturais e cívicas galegas do seu tempo, moi marcadas polo regionalismo implantado por Alfredo Brañas", apunta Xosé Ramón Fandiño na biografía que asina no Álbum de Galicia. Así, foi o vicepresidente do Comité Central Rexionalista que se constituíu en Santiago en 1890 e, oito anos despois, organizou xunto con Alfredo Brañas a liga Galega de Santiago, unha disgregación da Asociación Rexionalista Galega da Coruña que presidía Manuel Murguía e que tiña unha inspiración máis liberal.

Cabeza de León foi tamén secretario da Real Sociedade Económica de Amigos do País e membro fundador da Real Academia Galega. En 1924 ingresou no Seminario de Estudos Galegos, onde posteriormente sería elixido director da Sección de Historia (1930) e presidente tras a partida de Armando Cotarelo Valledor.

No campo cultural, foi o presidente da agrupación folclórica Cantigas e Agarimos, fundada en 1920 co propósito de recuperar, conservar e transmitir a cultura tradicional galega. Ademais, adheriuse ás Irmandades da Fala e colaborou co grupo e a revista Nós.

En 1932 presidiu a comisión encargada de elaborar un texto para o Estatuto de autonomía axustado á Constitución. Con todo, o triunfo da dereita nas eleccións que tiveron lugar en novembro de 1933 fixo imposible que o texto se aprobase nas Cortes españolas.

Na traxectoria de Cabeza de León fai falta destacar tamén que ocupou a alcaldía da cidade compostelá (1910-1914), foi o decano da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago en dúas ocasións (1920 e 1928) e foi membro correspondente das academias da Historia, de Belas Artes e Española da Lingua, así como da Sociedade Martins Sarmento e do Instituto Histórico do Minho.

Salvador Cabeza de León.. CONSELLO DA CULTURA GALEGA
Salvador Cabeza de León.. CONSELLO DA CULTURA GALEGA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta