A Xunta "dá resposta ás demandas" e unifica a organización dos policías locais

Todos os concellos terán un prazo dun ano para adaptarse aos novos regulamentos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2023 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta aprobou este xoves o decreto que desenvolve a Lei de coordinación de policías locais de Galicia, un texto no que se unifican os criterios de organización, actuación, formación, uniformidade e medios e recursos técnicos a disposición dos axentes destes corpos de seguridade.

Desde a súa entrada en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), todos os concellos terán un prazo dun ano para adaptar os regulamentos internos dos seus policías locais ao previsto no decreto e un prazo de dous anos para a aprobación dos regulamentos.

Segundo recolle a documentación do Consello remitida aos medios, o decreto regula as opcións para promoción e mobilidade con ascenso de persoal, ao permitir, en ambos os casos, acceder desde a categoría inmediata inferior.

No ámbito da formación, para ingresar nos corpos de policía local é preciso superar un curso selectivo obrigatorio de 850 horas na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e completar 500 horas de prácticas nos corpos policiais.

A Academia é o centro de referencia da selección de policías locais en Galicia a través das oposicións unificadas dos concellos que así o decidan de forma voluntaria, actualmente 89. Tamén se encarga de actualizar os coñecementos das forzas e corpos de seguridade e dos efectivos dos servizos de emerxencias coa ampla oferta formativa do seu plan anual de actividades con base nas demandas dos concellos e colectivos relacionados con este ámbito.

En canto ás novidades máis destacadas, regularase a ampliación das opcións para promoción e mobilidade de persoal, ao permitir en determinados supostos a promoción interna desde a segunda categoría inmediata inferior e a mobilidade con ascenso desde a inmediata inferior. Neste último caso, realizarase nos casos nos que as prazas non se cubrisen por promoción interna.

APLICACIÓN

Así, o decreto será de aplicación aos corpos de policía local dos concellos galegos e ao seu persoal, incluídos os auxiliares de policía local contratados cando sexa preciso e tamén os vixiantes municipais nos municipios sen corpo de policía local.

Segundo explica o Goberno galego, con este decreto, dáse "resposta ás demandas" dos concellos, asociacións profesionais e organizacións sindicais que solicitaban unha nova regulación dos procesos de mobilidade do persoal dos corpos de policía local", á marxe da mobilidade horizontal.

O texto integra e actualiza a normativa actualmente dispersa en materia de coordinación de policías locais en tres decretos distintos: o decreto 243/2008 de desenvolvemento da lei 3/2007 de coordinación de policías locais, posteriormente modificado polo decreto 60/2010 de acreditación, uniformidade e medios técnicos á disposición de policías locais. Coa aprobación do novo decreto quedarán derrogados este tres.

Policía de Tui / CONCELLO DE TUI / Europa Press
Policía de Tui / CONCELLO DE TUI / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta