Un informe sinala que non era obrigatorio pedir o certificado de delitos sexuais ao rei Baltasar de Ourense

Segundo o documento, a cabalgata de Reis "é un acto dirixido principalmente aos menores polas súas características, non implica un contacto habitual cos menores".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2023 | Actualizada ás 19:14

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense deu a coñecer este luns un informe levado a cabo polo seu coordinador xeral, Francisco Cacharro, no que indica que non era obrigatorio solicitar un certificado de ausencia de antecedentes penais por delitos sexuais ao figurante que fixo de rei Baltasar na cabalgata.

Este informe, emitido por unha solicitude do Grupo Socialista que esixía ter acceso a un suposto documento elaborado polos servizos xurídicos, apunta que a normativa actual establece a petición deste certificado en casos de "profesións, oficios e actividades que impliquen contacto habitual con persoas menores de idade".

Deste xeito, conclúe que aínda que se pode soster que a cabalgata de Reis "é un acto dirixido principalmente aos menores polas súas características, non implica un contacto habitual cos menores". Así, apunta que isto deixa esta actividade "fóra do ámbito de aplicación do artigo 57 da Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protecciónintegral á infancia e a adolescencia fronte á violencia".

O pasado día 13 de xaneiro, o alcalde de Ourense xa insistira en que "só esixe os certificados de penais a quen teñan contacto habitual con persoas menores de idade que leven un trato repetitivo, regular e non ocasional".

"Que eu saiba a cabalgata non se fai todos os días, todas as semanas, nin todos os meses, co cal é ocasional e segundo esta lei non temos obrigación de pedir ese certificado para que alguén faga de actor de dobraxe dos Reis Magos", apuntou Pérez Jácome.

Cabalgata Reis Magos en Ourense. Rosa Veiga - Europa Press
Cabalgata Reis Magos en Ourense. Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta