O Concello de Trives reclama unha reunión urxente a Sanidade sobre a ausencia dun dos médicos de familia

A alcaldesa, Patricia Domínguez, sinalou que "pasada máis dunha semana sen ter ningunha noticia, nin do anterior médico nin da súa substitución", vese "obrigada a esixir unha explicación".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2023 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

O Concello de Trives pediu este venres, a través dunha carta, unha reunión urxente ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para abordar a "repentina ausencia" dun dos dous médicos de familia do seu Centro de Saúde e a precaria situación do servizo de Pediatría.

Segundo trasladou o goberno local nun comunicado, a alcaldesa, Patricia Domínguez, sinalou que "pasada máis dunha semana sen ter ningunha noticia, nin do anterior médico nin da súa substitución", vese "obrigada a esixir unha explicación urxente e unha solución inmediata".

Deste xeito, explicou que no centro de saúde de Trives "traballaban dous médicos que atendían a toda a poboación do municipio e á comarca, como Punto de Atención Continuada". Así, insistiu en que "fai máis dunha semana pasou a atender a todos os pacientes un só médico".

Así mesmo, en canto á situación do servizo de Pediatría, explicou que A Pobra de Trives e Castro Caldelas comparten pediatra con Maceda, co que ou servizo "é de tan só un día á semana na localidade, os xoves".

Deste xeito, indicou que o servizo ten deficiencias "desde hai anos, pero cada vez hai máis precariedade" e apuntou que se dan casos en que os menores "chegan á consulta para ser atendidos e está pechada ou a súa cita desaparece da aplicación do Sergas sen previo aviso".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña,
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, | Fonte: Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta