NRede, o novo rexistro de medios dixitais galegos

Este distintivo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia serve para facilitar o seu traballo

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/02/2023 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de poñer en marcha NRede, un Rexistro de Medios Dixitais Galegos para recoñecer os medios de comunicación con criterios xornalísticos que existen no eido dixital.

Presentación NRede por parte do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Presentación NRede por parte do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia | Fonte: CPXG

NRede vai ofrecer á cidadanía a garantía de que a información á que está tendo acceso é froito dun traballo profesional e respecta a deontoloxía do xornalismo, distinguíndoa así doutro tipo de contidos dixitais. Igualmente, pretende servir de axuda para que estes medios teñan máis argumentos para o acceso a subvencións públicas ou para acreditarse en determinados eventos. 

O novo Rexistro de Medios Dixitais Galegos foi presentado polo decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, e o secretario, Darío Janeiro Pereira. O decano salientou que NRede "é unha ferramenta necesaria nos tempos da dixitalización de contidos para separar o grao da palla; para que lectores e administracións identifiquen as empresas que realmente realizan un labor xornalístico".

Pola súa parte, Darío Janeiro, coordinador do proxecto, salientou a importancia de contar "cun certificado fiable e actualizado, mantido por unha entidade de referencia como o Colexio de Xornalistas, onde tanto cidadáns, administracións, entidades ou empresas que se relacionen cun medio dixital poidan verificar que cumpre cos estándares profesonais.

LOITA CONTRA A DESINFORMACIÓN

Así, dótase á poboación dunha ferramenta para evitar caer na desinformación que fomentan webs non profesionais. No que respecta ás e aos xornalistas, o feito de identificarse como traballadores dun medio de comunicación recoñecido como tal para facilitarlles a acreditación en todo tipo de eventos e conferencias de prensa, dotalos de garantías fronte a posíbeis menosprezos e ataques por parte de actores de todo tipo e permitirlles xustificar o seu traballo informativo ante as autoridades.

Os medios que soliciten formar parte de NRede e cumpran os requisitos quedarán rexistrados nun listado de libre acceso para consulta da cidadanía. Serán recoñecidos tamén mediante o selo de Medio Dixital Galego, co seu numero de rexistro, que poderán visibilizar nas súas páxinas web de cara a se identificar como un espazo de comunicación con contidos xornalísticos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta