O Centro de Protonterapia recibirá os primeiros pacientes en 2025

O Goberno galego aproba compras centralizadas de material cirúrxico e balóns de dilatación coronaria para o Sergas

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/02/2023 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

O Goberno galego abordou este xoves o inicio do proceso urbanístico do Centro de Protonterapia de Galicia, que se situará na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) coa previsión de que estea operativo e reciba aos primeiros pacientes "en xuño de 2025".

A protonterapia é unha modalidade de radioterapia máis precisa á hora de aplicar a dose de radiación. "Este sistema permite tratar tumores de difícil acceso, reducir o tempo do tratamento e minorar tamén os efectos adversos", destacou Rueda.

O centro seguirá a vía da lei galega de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou excepcional, que busca reducir ao máximo os tempos de tramitación e posibilitar este novo servizo desde o punto de vista urbanístico.

En próximos días, a Xunta solicitará ao Concello que realice o trámite de información pública do anteproxecto e emita o informe sobre a afectación aos intereses locais. Unha vez completado este trámite, a Administración autonómica solicitará os informes sectoriais precisos, ata concluír este proceso coa aprobación do proxecto en Consello.

COMPRAS SANITARIAS CENTRALIZADAS

Tamén en materia sanitaria, o Goberno galego aprobou este xoves a terceira compra centralizada de batas cirúrxicas, equipos e material auxiliar de uso cirúrxico para o Sergas por un importe de 11,46 millóns de euros. O contrato terá unha duración de catro anos.

De igual modo, autorizouse a primeira compra centralizada de balóns convencionais de dilatación coronaria por 6,3 millóns de euros. Neste caso, o período é de tres anos e beneficiaranse as áreas sanitarias da Coruña-Cee, Santiago-Barbanza, Lugo-A Mariña-Monforte e Vigo.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, preside a reunión do Consello
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, preside a reunión do Consello | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta