Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2023 | Actualizada ás 11:34
As sancións por incumprimento dos requisitos na tenencia de cans de raza potencialmente perigosa situáronse o ano pasado en 271, un descenso respecto de 2021 cando se elevaron a 438, segundo datos achegados a Europa Press pola Consellería de Medio Ambiente. En concreto, en 2021 houbo 12 sancións leves, 150 graves e 276 moi graves, ao que se sumaron 40 casos arquivados e 66 sobresidos, mentres que o ano pasado as leves ascenderon a dez, as graves a 124 e as moi graves a 137. Houbo 66 casos arquivados e 21 sobresidos.
Sobre as infraccións máis frecuentes, a Xunta afirma que son a falta da documentación preceptiva como a licenza municipal (moi grave); a inscrición do animal no rexistro municipal (grave), igual que a ausencia do microchip de identificación, así como do pasaporte sanitario, que se considera leve. Outras son levalo solto e/ou sen boceira en espazos públicos (grave) e non adoptar as medidas de seguridade para evitar a súa fuxida ou extravio (grave).
O importe das sancións agrávase tendo en conta o número de animais afectados, o seu estado hixiénico e de saúde ou a transcendencia social, decretándose en casos moi graves o comiso dos animais como sanción accesoria. As contías para este tipo de infraccións e, segundo sexan leves ou moi graves, oscilan entre os 150 ou os 15.000 euros, engaden desde a Xunta, que lembran que cada autonomía pode fixar as razas que considere potencialmente perigosas, pero partindo dos mínimos da lei estatal.
Pola súa banda, desde a Garda Civil inciden na necesidade dunha licenza administrativa "que será outorgada polo concello do municipio de residencia do solicitante, ou, con previa constancia neste, polo concello no que se realiza a actividade de comercio ou adestramento" en base ao cumprimento dos requisitos esixidos. En todo caso, aclaran que tamén poden ser considerados cans potencialmente perigosos "aqueles que manifesten un carácter marcadamente agresivo ou que protagonizasen agresións a persoas ou a outros animais".
CLASIFICACIÓN
Mentres, desde a Fundación Franz Weber, o seu portavoz, Rubén Pérez, asegura que en Galicia, atendendo á normativa autonómica, estarían dentro da clasificación de razas perigosas 16 tipos. "A maiores súmanse os cans adestrados para garda e defensa, con independencia da raza, xa que reciben un adestramento relativamente violento, e calquera animal que a Xunta determine que tivo algún episodio de agresividade cara a persoas ou mesmo ataques a 'cousas'", sinalan tamén.
Respecto da Lei de Benestar Animal, expresan o seu respaldo para "acabar con estes criterios en función de raza" e establecer "medidas individualizadas". "Isto é, avaliar de forma concreta cada caso e tomar medidas en función do mesmo, como máis seguridade para o paseo, posibilidade de reeducación con métodos positivos", cita como exemplos. Por outra banda, apela a controlar as canles de venda de animais e advirte das ofertas realizadas de forma ilegal "onde chegan a intercambiar animais por consolas ou ofrecelos por prezos extrañamente reducidos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.