Unha veciña de Vilamartín increpa á alcaldesa de Carballeda á saída da reunión con Yolanda Díaz: "O único que di son mentiras"

Segundo esta afectada, o acceso que finalmente se abriu no seu concello foi posible "grazas ao alcalde" de Vilamartín, Enrique Barreiro (PSdeG), non grazas á Deputación, e proclamou que, de non ser así, "a xente ardería co lume" que arrasou case a totalidade da aldea.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 12/09/2025 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, Carmen González (PP), protagonizou este venres unha acalorada discusión cunha veciña de San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, en relación á súa actuación durante os incendios e a demanda histórica do pobo de mellorar os seus accesos. "O único que di son mentiras", denunciou Regina López, unha das dúas veciñas que logrou conservar a súa casa fronte ás chamas. A discusión produciuse cando a rexedora abandonou a reunión que se estaba celebrando entre alcaldes e alcaldesas da comarca coa vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz.

Carmen González saíu da devandita reunión e reclamou a atención dos medios para facer declaracións sobre a súa postura nese encontro. Segundo trasladou, Carballeda de Valdeorras foi un dos únicos municipios que tiña brigada forestal, xunto co Bolo e A Veiga, e lembrou que a brigada do seu municipio "traballou en todos os pobos" nos que houbo incendios. "Ninguén me vai dar a min leccións de non axudar á comarca de Valdeorras a atender os incendios, que tomen nota", engadiu.

A alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras, Carmen González, mantén unha discusión cunha veciña no Centro Social San Vicente de Leira,  en Vilamartín de Valdeorras
A alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras, Carmen González, mantén unha discusión cunha veciña no Centro Social San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras | Fonte: Rosa Veiga

A continuación, González, que tamén é deputada provincial, fixo alusión á demanda histórica do pobo de San Vicente (Vilamartín) para mellorar os seus accesos tras a recente apertura dunha pista de emerxencia por parte do Concello, indicando que "xa se puxo enriba da mesa" un "proxecto de acceso alternativo" por parte da Deputación de Ourense, que "os veciños non quixeron".

Foi nese momento cando foi increpada por unha das veciñas presentes, Regina López, que a acusou de "mentir". Segundo esta afectada, o acceso que finalmente se abriu foi posible "grazas ao alcalde" de Vilamartín, Enrique Barreiro (PSdeG), e proclamou que, de non ser así, "a xente ardería co lume" que arrasou case a totalidade da aldea. A veciña lembrou que foi a través desa saída pola que os veciños escaparon do lume, porque as chamas terían avanzando pola pista orixinal asfaltada.

A alcaldesa de Carballeda respondeu as acusacións subliñando que "a Deputación non tombou o acceso", senón que "tentou buscar unha solución", despois de ter aviso da "imposibilidade técnica" de recuperar o traxecto "que pedían os veciños". "Cheguei co ánimo de colaborar e veñen e fanme unha encerrona", lamentou. "Que non veña esta señora con mentiras, foi grazas ao señor alcalde que nos fixo ese acceso de emerxencia que logramos saír do pobo, senón arderiamos", insistiu Regina López, que tamén reprochou á alcaldesa dicir "que non pasaba nada" mentres "Carballeda ardía".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta