A presidenta da Deputación de Pontevedra ve "inxustificada" a folga de bombeiros: "Teñen que querernos moitísimo"

Sinala que este ten un claro motico electoral porque "cando hai eleccións todo o mundo tenta presionar"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2023 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cualificou de "absolutamente inxustificado" a convocatoria de folga indefinida no consorcio provincial de bombeiros a partir do día 27 de febreiro.

"Está claro que estamos en eleccións", comentou a presidenta provincial este xoves nunha rolda de prensa ao ser preguntada pola convocatoria deste comité de empresa, formado polos sindicatos CIG, UXT, CCOO e SIBGAL.

"Paréceme absolutamente inxustificado, pero entendo que cando hai eleccións todo o mundo todo tenta presionar", dixo a presidenta da Deputación de Pontevedra. A decisión dos bombeiros adoptouse o pasado venres 17 nunha asemblea xeral de traballadores, na que tamén acordaron, por unanimidade, deixar de facer gardas extraordinarias e horas extras voluntarias a partir dese mesmo día 27.

A Xunta de Galicia e a Deputación pontevedresa xestionan este consorcio a través dun modelo de prestación directa e expresaron a súa intención de converter os contratos de persoal laboral indefinido a persoal laboral fixo. Con todo, o comité denuncia que durante o último ano non houbo practicamente avances.

"A esta administración provincial os bombeiros do Consorcio téñennos que querer moitísimo e aplaudirnos máis porque pasamos dunha xestión indirecta a unha directa. Estamos a liderar en toda Galicia que se faga o procedemento canto antes", aseverou.

"O único sentido que lle entendo é unha vía de presión para aproveitar que igual se gaña algo cando hai eleccións e pódese presionar aos gobernos, pero que saiban que non, que nós actuamos sempre con rigor, actuamos con seriedade e todo o que facemos facémolo de forma equilibrada, planificada e programada", continuou. "Os traballadores teñen dereito á folga, nós respectámola, pero bo tamén a lei di que no caso dos bombeiros os servizos mínimos son do cento por cento", engadiu.

Carmela Silva nunha rolda de prensa / Deputación de Pontevedra / Europa Press
Carmela Silva nunha rolda de prensa / Deputación de Pontevedra / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta