Por Europa Press / Redacción | VIGO | 27/02/2023 | Actualizada ás 13:54
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, incidiu este luns en que ningún proxecto de parque eólico mariño pode ter informe favorable da Xunta, porque aínda non se aprobou a normativa estatal que vai regular este tipo de instalacións.
Así o trasladou Vázquez a preguntas dos medios durante un acto no Porto de Vigo. A conselleira lembrou que aínda se está tramitando o anteproxecto de lei da ordenación do litoral, e que, pola súa banda, o Ministerio de Transición Ecolóxica ten que dar a coñecer as súas intencións en canto á ordenación dos espazos mariños.
"Descoñecemos por onde van estar esas instalacións", indicou a titular autonómica de Medio Ambiente, que reprochou ao Goberno central que non manteña informadas as Comunidades Autonómas. Respecto diso, matizou que Galicia "ten singularidades" polo que espera que "o que salga adiante, se faga con sentido común".
Por outra banda, a conselleira tamén se referiu ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, que está en fase de resposta das alegacións e dos informes, e expresou a súa esperanza de que o Concello non esgote o prazo para aprobar o documento urbanístico, xa que decaería a ordenación provisional.
"Non barallo ese escenario", afirmou Vázquez, que reiterou que o Concello olívico ten "á súa disposición" á Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta para liquidar calquera problema relacionado co plan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.