A Consellería de Medio Ambiente nega que se furte o diálogo sobre eólicos

A Xunta presenta no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a futura lei do litoral tras incorporar "total ou parcialmente" a metade das alegacións recibidas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2023 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, tendeu a man aos diversos colectivos ecoloxistas que abandonaron en xaneiro de 2022 o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads) porque, segundo denuncian, a responsable da Xunta mantén unha "reiterada negativa" a abordar o "boom" de proxectos eólicos neste organismo.

En declaracións aos medios este martes, antes de participar nunha nova reunión do Cogamads, a conselleira respondeu a estas acusacións e dixo que "non se furta nunca o diálogo" porque "si que se fala disto" nas reunións. No entanto, Vázquez aclarou que estas entidades pretendían ir "máis aló" das competencias do "órgano asesor". "Non é o lugar", resolveu.

En concreto, esta polémica remóntase a xaneiro do ano pasado. Desde entón, Adega, a Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Historia Natural dan plantón ao Consello de Medio Ambiente por "unha serie de irregularidades, como non atender a solicitude de varios vogais" para debater, entre outras cuestións, un acordo sobre a necesidade dunha moratoria do actual Plan Sectorial Eólico de Galicia e a derrogación das leis 5/2017 e 9/2021, que simplificaron trámites para a implantación de proxectos empresariais.

De tal forma, os ecoloxistas acudiron á Valedora do Pobo para que se lles "restitúan os dereitos" que lles asisten como membros electos do Cogamads, así como que se inste á conselleira a "desistir na súa postura obstrucionista e abandonar as prácticas antidemocráticas".

"NON PODO IR MÁIS ALÓ"

No entanto, Anxos Vázquez replicou este martes que "si que se fala" desta cuestión nas reunións deste órgano. "Eu o que fixen foi trasladar cales son os trámites por parte da Consellería", puntualizou, para explicar que o Cogamads é un órgano asesor que non pode "votar ningún tipo de planificación eólica nin parar leis". "Non se furta nunca o diálogo, non se furta nunca o pór encima da mesa distintos temas. Danse explicacións, pero non podo ir máis aló do que me permite o Consello nin a lei", reiterou.

LEI GALEGA DO LITORAL

Estas declaracións realizounas a titular de Medio Ambiente da Xunta xusto antes de participar nunha reunión do Cogamads en Santiago para presentar, a petición de "os propios membros" do organismo, o anteproxecto da nova lei galega de ordenación do litoral (Lolga).

Tamén a preguntas da prensa, a conselleira asegurou que "en absoluto" a Lolga se verá afectada por ese expediente sancionador iniciado pola Comisión Europea contra España por falta de transparencia nas concesións a industrias no dominio público marítimo-terrestre de ata 75 anos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, preside a reunión do Consello galego de medio ambiente e desenvolvemento sostible
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, preside a reunión do Consello galego de medio ambiente e desenvolvemento sostible | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta