Constitúen unha plataforma comarcal de afectados por San Finx

A Confraría de Noia anima á sociedade en xeral a formar parte da plataforma

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 11/03/2023 | Actualizada ás 12:07

Comparte esta noticia

A Confraría de Noia anunciou a "inmediata" constitución dunha plataforma comarcal de afectados pola explotación da mina de San Finx, unha medida máis ante a "autorización" que ten a empresa mineira por parte de Augas de Galicia para "a vertedura de augas residuais contaminadas e a posterior explotación do complexo".

Fronte a iso, a confraría advirte de que a sociedade "está indignada" e "defenderá os seus intereses ata as últimas consecuencias", para o que se vai a constituír esta plataforma de afectados, á que se poderán adherir todo tipo de colectivos, entidades, asociacións, empresas, clubs e partidos políticos que poidan estasr afectados directa ou indirectamente.

A Confraría de Noia fai de novo un chamamento á "cordura" da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para que "paralice a execución da autorización". A Confraría, pola súa banda, solicitou como medida cautelar urxente, ao ter coñecemento desta autorización, a non execución da mesma.

Así mesmo, animan á sociedade en xeral a formar parte da plataforma, co fin de reivindicar o seu medio de vida, o medio ambiente, o comercio, a saúde e a cultura.
A efectos de manterse reunións e que se poidan enviar solicitudes de adhesión, a confraría informa de que está habilitado o seu correo electrónico: cofradia@cofradianoia.org.

"IMPACTO"

Neste escenario, advirten de que, de non suspenderse a autorización, a vertedura das augas que a empresa australiana pretende bombear desde as plantas da mina "causará un enorme dano ambiental e prexuízo económico" ao sector do mar.

Hai unha semana, ao redor dunhas 3.000 persoas, segundo os colectivos convocantes, participaron na manifestación convocada pola Confraría de pescadores de Noia, Portosín e Mexilloeiros Olvimar, en contra da autorización por parte da Xunta da vertedura dun total de 889.885 metros cúbicos de augas residuais procedentes da antiga mina de San Finx na ría de Muros e Noia, "o maior banco marisqueiro do mundo".

Manifestación na alameda de Noia contra a decisión da Xunta de Galicia de autorizar a vertedura de 889.885 metros cúbicos de augas residuais procecentes da mina de San Finx
Manifestación na alameda de Noia contra a decisión da Xunta de Galicia de autorizar a vertedura de 889.885 metros cúbicos de augas residuais procecentes da mina de San Finx | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta