Por oscar_lomba_autor | Vigo | 13/03/2023
A segunda fase foi a licitación e posterior concesión primeiro a Cogrevigo S.L. e despois, cando Congrevigo entrou en concurso de acredores, a Pazo de Congresos S.A. e á súa vez a subcontratación de OIDE S.L. para a xestión dos eventos culturais. Logo virían a sucesión de subvencións e axudas económicas para soster a esa empresa que seguiu controlando ata hoxe a organización e execución dos eventos desenvolvidos no Auditorio Mar de Vigo.
De todas as maneiras o máis preocupante é a xestión actual. Non é o Concello de Vigo quen xestiona o Auditorio e tampouco son técnicos municipais quen planifican todas as actividades e eventos culturais.
Temos un auditorio público, pero quen xestiona os eventos é unha empresa privada, unha sociedade limitada denominada OIDE S.L (Organización de Ideas de Éxito). Esa empresa é quen xestiona todos os eventos que se desenvolven no Auditorio Mar de Vigo. Queda claro que a estratexia de Abel Caballero baséase nunha progresiva privatización da cultura.
Desde o meu punto de vista o feito de que os eventos culturais sexan xestionados e organizados por unha empresa privada, que se encarga da organización e coordinación das diferentes actividades culturais, supón un malgasto e un insulto á profesionalidade dos empregados municipais. Ademais penso que esa cesión da xestión cultural á sociedade OIDE pon de manifesto a falta de confianza do equipo de goberno de Abel Caballero na súa propia capacidade de xestión e no traballo desempeñado polos empregados municipais adscritos á concellería de cultura.
Doutra banda, a privatización das actividades culturais do Auditorio supón unha duplicación dos gastos, pois á suma do gasto de material e persoal da Concellería de Cultura hai que sumarlle o gasto a fondo perdido en apoios, subvencións e sostemento de OIDE S.L. pola xestión deficiente, organización dubidosa e planificación defectuosa dos eventos e outros servizos prestados por OIDE S.L. que, sen dúbida, poderían ser realizados polo propio Concello de Vigo cos seus propios medios.
Ao meu xuízo as circunstancias descritas poñen en cuestión a xestión cultural do goberno municipal, e mesmo a propia legalidade da subcontratación dos eventos culturais a OIDE S.L., debido a que se impide a xestión cultural directa pola propia administración pública municipal cos seus propios medios. Ou dito doutro xeito, o requisito para a licitación dun servizo é a xustificación da inexistencia de medios materiais e de persoal para executalos, algo que neste caso resulta dificilmente crible.
Deixar a actividade cultural e organización de eventos en mans de OIDE S.L. supón un despropósito porque o Concello de Vigo entrega cantidades inxentes de diñeiro a esa sociedade limitada, importes que a cidadanía viguesa descoñece. Non sei exactamente a cantidade total, pero imaxino que debe ser unha cantidade de varios millóns de euros anuais
Eu pediríalle ao Alcalde de Vigo que aclare todas as dúbidas que ten a cidadanía viguesa sobre a situación actual do Auditorio. Houbo novos concursos para a adxudicación da concesión actual do Auditorio? Adxudicouse pola vía de urxencia? Eu sospeito que non. Seguramente prorrogouse a concesión sucesivamente e estariamos ante unha situación irregular ou mesmo alegal. Cantos cartos está a inxectar anualmente o Concello de Vigo na concesionaria? Canto lle custa á cidadanía viguesa a actividade cultural do Auditorio? Que control ten o Concello de Vigo sobre a actual concesionaria? O normal na empresa da auga, na do transporte ou na de limpeza viaria é que o goberno municipal realice auditorías para coñecer como esas empresas usan o diñeiro público. Quen controla realmente a organización e xestión de todos e cada un dos eventos culturais que se desenvolven no Auditorio? Canto diñeiro público destina anualmente o Concello a custear as subvencións nominativas directas a OIDE S.L.?
Por último pido a todos os grupos da oposición que soliciten a creación dunha comisión de investigación sobre o Auditorio Mar de Vigo e que esixan a revisión da actual concesión. Penso que é necesario reformular a xestión do Auditorio e recuperar o control sobre o deseño e planificación dos evento culturais. Non podemos permitir a privatización da cultura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.