GC Aberto

Spes non confundit

No Retablo das Maravillas, de Cervantes, un pícaro, Chanfalla, levaba polos pobos de Castela unha saba branca onde se vían todas as marabillas do mundo. As xentes de orde facían como que vían, alí onde non había nada. Cos lumes acontece precisamente ao revés. Estamos diante de realidades simuladas, de incendios negados por alcaldesas miopes, de grandes fogos en Teixadais que non existen, non recoñecidos por esa mesma Xunta que non acredita en castros comestos polas louseiras de Casaio.

Por admin | Pobra do Brollón | 01/09/2025

Comparte esta noticia

Por Xurxo Ayán, arqueólogo e veciño da Pobra do Brollón, unha das zonas afectadas polo lume

Os reis de España na súa visita a Ourente tras a vaga de lumes que afecgtaron a Galicia
Os reis de España na súa visita a Ourente tras a vaga de lumes que afecgtaron a Galicia

Nestes lumes de nova xeración semella fallar o sentido da realidade, o contacto físico co tanxible. O Posto de Mando parece hospedar unha quedada de videogamers, remedar a sala de pantallas da CNN cando a primeira guerra do Golfo. Sucédense os vídeos tirados desde os helicópteros e hidroavións que, con precisión cirúrxica, acertan nas lapas dos focos de lume. A tecnoloxía fornece seguranza aos responsábeis da extinción, unha boa propaganda aos políticos e esperanza a esa poboación alonxada do terror, expectante. 

Sen embargo, a natureza é ferreña e a batalla, coma sempre, é gañada pola fiel infantaría, até mañá mesmo. Será difícil voltar ver motobombas calcinadas nunha pista forestal. Como no caso da guerra da Ucraína, xa está en marcha a dronotización da guerra contra o lume. Como no espazo, inzado de luxo tecnolóxico, os nosos montes serán Reserva da Tecnosfera, cheíños de artefactos, dese chips na bichería até aeroxeradores, cámaras, drons e robots. Con todo, a natureza é rifeña, e non chega con dispor do satélite Copernicus para ventar lumes que algúns non queren ver. Nin satélite nin ostias. No Bierzo, en Molinaseca, foi un burro, Risto, quen avisou do lume.

Menos mal que están os burros e o resto de animais para acreditar no cambio climático. Lembremos que está á volta da esquina esa nova Situación: a de grandes lumes ignorados por pirofascistas que controlan os gobernos autonómicos e negan a crise ecolóxica. E polo que vexo, a única esperanza é rezar o que saibamos nestes tempos antropocénicos.

O Corbal foi conductor de camións de louseiras nos hoxe calcinados Val de Orras  e de Quiroga. El contoume o pavor dos conductores na baixada á Hermida, cando tiñan que frear a fondo para non levar por díante as señoras ofrecidas que, axeonlladas, avanzaban polo arcén cara ao venerado santuario. Rezaban tanto os chóferes como as vellas.

Coche queimado na vaga de incendios que afectaron a Galicia
Coche queimado na vaga de incendios que afectaron a Galicia | Fonte: X Ayán

O alcalde de Quiroga ven de inaugurar nesa mesma igrexa unha exposición itinerante sobre unha das últimas bulas do Padre Francisco: spes non confundit, a esperanza non defrauda. Neste texto, o Papa finado recoñecía, el si, a crise ecolóxica e animaba á grei a tomar cartas no asunto, para avivar a chama da esperanza cristiá. A mesma esperanza da que fala El-Rei taumaturgo desde o Posto de Mando.

Que Dios nos colla confesados. E se, finalmente, isto é unha cuestión de fe, eu só poño as poutas no lume polo burro Risto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta