A Xunta enviou xa axudas polos incendios do ano pasado a case 300 persoas e entidades de Lugo e Ourense

A maior parte correspóndense coas peticións de axuda para a reposición de explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais concedidas pola Consellería do Medio Rural.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2023 | Actualizada ás 20:32

Comparte esta noticia

O Goberno galego realizou, na súa reunión semanal, un balance das axudas concedidas ás persoas e empresas afectadas polos incendios forestais do pasado verán en Lugo e Ourense, segundo o cal 280 persoas e entidades recibiron 5,4 millóns a través das liñas de apoio habilitadas polo Goberno galego para facer fronte aos danos derivados do lume.

Segundo explicou o presidente, Alfonso Rueda, trátase "do 100% dos beneficiarios que presentaron a documentación e cumprían os requisitos" das medidas recollidas no decreto aprobado o pasado xullo, nada máis producirse esta vaga de lumes.

Deles, a maior parte correspóndense coas peticións de axuda para a reposición de explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais afectadas os lumes concedidas pola Consellería do Medio Rural, con 180 que suman unha contía de 831.000 euros.

VIVENDAS

No caso das subvencións da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda suman 93 peticións atendidas por importe de 4,3 millóns. A maioría (77) corresponden coas axudas destinadas a propietarios ou usufrutuarios de vivendas afectadas polos incendios, aos que se destinou máis de 4 millóns.

No marco das axudas concedidas por esta Consellería, atendéronse outras 10 solicitudes da orde dirixida a titulares de terreos cinexéticos ordenados (tecores) co fin de recuperar os hábitats cinexéticos e protexer os chans, cunha contía de máis de 94.700 euros.

Ademais, tramitáronse outro seis subvenciones por encima dos 107.200 euros para actuacións dos consellos ou montes veciñais mancomunados en zonas da rede galega de espazos protexidos e reservas de biosfera.

ESTABLECEMENTOS E OUTROS ESPAZOS

Pola súa banda, os establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís recibiron axudas por parte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía polos danos ocasionados en edificacións, instalacións, maquinaria e mercadorías, así como nos vehículos industriais relacionados con esta actividade. En concreto, admitíronse 2 solicitudes xa pagas, que recibiron un apoio duns 66.200 euros.

E a Xunta lembra que tamén estableceu axudas ás entidades locais a través da Vicepresidencia Segunda, para cubrir os gastos derivados das actuacións desenvolvidas como consecuencia dos lumes e a reparación ou restauración dos danos causados nos bens de titularidade municipal. A través desta liña, autorizáronse 128.000 euros entre cinco concellos da comarca de Valdeorras e da zona do Courel.

Reunión do Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
Reunión do Consello da Xunta.. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta