Convocan unha concentración en Santiago contra a terapia de electroshock como a que recibe un mozo de Arzúa

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS apunta que o caso deste mozo "non é o único" no Hospital de Conxo e clama contra a aplicación da terapia que, segundo apunta, "non conta con soporte científico" e "pode producir danos na memoria e lesións cerebrais".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2023 | Actualizada ás 17:52

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS animou á poboación a participar este martes, ás 19,30 horas, nunha concentración que terá lugar na Praza do Toural, en Santiago, contra a aplicación da terapia de electroshock que está a recibir un mozo de Arzúa ingresado na unidade de psiquiatría do Hospital de Conxo, algo ao que se opón a súa familia.

Nun comunicado, a asociación considerou que con esta decisión, avalada por unha orde xudicial, "está a violarse o dereito" do mozo "á súa autonomía persoal e á capacidade de decidir sobre a súa saúde ao non considerar como válida a súa manifestación verbal e escrita, antes do tratamento, de non recibir a terapia TEC"

Do mesmo xeito, afean que, segundo recollen no comunicado, a psiquiatra que trata ao paciente neste centro optase por "a vía xudicial" ante a negativa do mozo a recibir este tratamento, "ignorando os antecedentes vitais e de saúde" do paciente e "descartando outras alternativas de conciliación, diálogo e atención", o que ven algo "agresivo e desproporcionado".

"Esta forma de proceder nos retrotrae a unha visión paternalista e autoritaria da atención, hoxe contraria ao espírito da Lei de Saúde de Galicia, cuxos principios informadores se inspiran na colaboración, diálogo e participación do paciente nos procesos de saúde", recolle o comunicado, que sinala que a orde xudicial para levar adiante o tratamento "non está a amparar o dereito do paciente ao consentimento informado e prívao da tutela xudicial, ao non considerar válida a súa negativa ao tratamento e indagar sobre outras posibles alternativas de atención que concilien o dereito a saúde e a autodeterminación persoal".

Finalmente, a asociación apunta que o caso deste mozo "non é o único" no Hospital de Conxo e clama contra a aplicación da terapia de electroshock nestes casos, un tratamento que, segundo apunta esta asociación de pacientes, "non conta con soporte científico" e "pode producir danos na memoria e lesións cerebrais".

INGRESO XUDICIAL POR "RISCO ELEVADÍSIMO" DE SUICIDIO

O mozo, de 30 anos e orixinario de Arzúa, permanece ingresado desde principios do mes de febreiro na planta de Psiquiatría do Hospital de Conxo tras ser atendido por un cadro psicótico. Dada a súa situación, avaliada polos psiquiatras no hospital, e ante o "altísimo risco para a súa vida" que supón a "grave patoloxía" que padece, recolle un auto emitido polo xulgado número 6, determinouse o seu ingreso xudicial no Hospital de Conxo, así como que se lle aplique un tratamento de electroshock. A familia do mozo manifestou a súa oposición a este tratamento e o seu desexo de que o paciente sexa dado de alta.

No auto, o xuíz chama a atención sobre que o mozo padece unha "patoloxía grave" que supón un perigo para a súa propia vida, dado que persiste na actualidade "sintomatoloxía psicótica activa", e que, a maiores, non é "consciente do seu trastorno mental e da necesidade do tratamento pautado", polo que se atopa "imposibilitado" para "decidir no momento actual".

O xuíz, que se basea nos informes de psiquiatría do hospital, así como nunha avaliación forense por parte do Imelga e nun recoñecemento xudicial do novo, establece que existe "un risco grave e inminente para a integridade física do paciente de ser autorizada a súa alta hospitalaria e o seu traslado ao centro proposto polo proxenitor", que é "manifestamente inadecuado de maneira obxectiva para o tratamento que precisa".

Sobre o tratamento proposto polo seu psiquiatra, o auto recolle que, desde o ingreso, tentáronse, sen éxito, "cinco tratamentos orais alternativos" e que os especialistas consideran que a terapia de electroshock está "absolutamente xustificada". O mozo xa recibiu algunhas das sesións programadas.

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela
Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta