Desconcerto, medo, histeria

Contan as crónicas que, catro días antes de morrer, Emilio Botín confesou a un grupo de xornalistas que tiña dúas preocupacións fundamentais:a situación de Catalunya e o resultado acadado por Podemos.

Por Xesús Veiga | Compostela | 13/02/2015 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

As inquedanzas de Botín están tomando corpo nas análises dunha boa parte dos opinadores mais destacados do universo mediático.O desconcerto, o medo e mesmo a histeria percorren moitas das pezas argumentais destes “gurús”.Semella que non entenden as causas xeradoras do maioritario apoio da sociedade catalá á celebración dunha consulta sobre o seu futuro nacional e que están descolocados ante as notábeis expectativas electorais da formación que encabeza Pablo Iglesias.No canto de reflexionar sobre os motivos que explican a existencia destes cambios significativos no comportamento de diversos sectores sociais, teiman nunha mirada curta e simplista sobre o dedo:para eles, Artur Más é o culpábel principal do que sucede alén do Ebro e Pablo Iglesias é un mesías populista e autoritario que sobrevive grazas a determinados apoios mediáticos.

Un dos argumentos preferidos para relativizar a transcendencia do que se está vivindo é a coñecida tese de que o apoio maioritario a unha determinada causa non elimina as eventuais carencias asociadas á mesma.A pertinencia de semellante premisa de carácter xeral non exime da necesaria reflexión sobre as circunstancias concretas que concorren en cada caso e das fórmulas acaídas para resolver –no seo dun sistema democrático de calidade- os conflitos sociais suscitados.A situación en Catalunya non é froito da capacidade manipuladora de Mas, de Junqueras ou dos medios de comunicación ubicados naquel País.O éxito de Podemos non é consecuencia das arroutadas de catro iluminados.

Estes comentaristas que agora cuestionan a lexitimidade de certos estados de opinión ou censuran duramente o comportamento dos líderes que aparecen concernidos nestes acontecementos, non atopaban elementos de crítica nas reiteradas maiorías absolutas acadadas polo PPdG nin cuestionaban os talantes autoritarios e cesaristas exhibidos reiteradamente por Manuel Fraga, Aznar e Felipe González.

Qué propoñen para solucionar o conflito existente en Catalunya, ademais das reiteradas apelacións ao cumprimento da legalidade vixente?Qué formulas defenden para recuperar a credibilidade dos grandes partidos afectados polo cancro da corrupción?Agardar só pola actuación dunha xustiza que, segundo o presidente do Tribunal Supremo, está pensada para o “roubagaliñas”  e non para o gran defraudador?

Mentres estes opinadores buscan algún remedio ao progresivo nerviosismo que se percibe no seu estado de ánimo, a vida segue.Feijoo aceita pagar a prezo de ouro o silencio do imputado Currás, Romay e Negreira buscan refuxio na trincheira xudicial para evitar asumir responsabilidades políticas polo “affaire” dos cursos de Crespo e unha nova Gürtel estoupa nos fociños de vellos e novos cargos públicos populares e socialistas.

Ten razón Pablo Iglesias.Os pais de Podemos son o PP e o PSOE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta