A Xunta deféndense da sentenza do TSXG sobre o transporte dicindo que o "100% dos contenciosos foron favorables"

Negou que exista conflitividade xudicial no sector do transporte

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2023 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

A Xunta negou que exista conflitividade xudicial no sector do transporte despois da setencia emitida o pasado mes de marzo polo TSXG na que ordena investigar á Comisión Galega da Competencia os contratos das compañías Monbus e Alsa por indicios de repartirse o mercado de liñas de autobús en Galicia.

"Temos o aval xurídico que lexitima o bo proceder do plan de transporte. O 100% de contenciosos foron favorables á Xunta", asegurou este mércores a conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, Ethel Vázquez, no pleno do Parlamento de Galicia, onde o vicepresidente primeiro do Goberno autonómico, Francisco Conde, tamén tivo que responder os grupos polo fallo do TSXG que cuestiona o seguimento feito por Competencia na configuración do mapa de concesións do transporte público por estrada.

Neste sentido, en resposta a unha pregunta oral feita polo deputado socialista Pablo Arangüena, o 'número dous' da Xunta incidiu en que a Comisión Galega da Competencia é "un órgano colexiado e independente" cuxos membros son nomeados polo Executivo autonómico, o mesmo procedemento que seguen, como resaltou, outras comunidades como Cataluña, Euskadi ou Andalucía.

Así, Francisco Conde aseverou que a sentenza do Alto Tribunal galego "non é firme", polo que pediu "prudencia" á hora de analizala, xa que as empresas sinaladas, Monbús e Alsa, avanzaron a súa intención de presentar un recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

En todo caso, o vicepresidente afirmou que a resolución xudicial de marzo "non di" que a comisión "non aplicase a lexislación vixente en materia de competencia" no seu seguimento a unha repartición de liñas ao amparo do plan de transporte, que foi "transparente" e que estivo "avaliado" polo Tribunal de Contratación Pública de Galicia.

Antes, Ethel Vázquez tamén defendera desde o estrado do hemiciclo do Pazo do Hórreo a validez do plan de transporte impulsado pola Xunta, do que "nada di" sobre a súa "calidade" o fallo do TSXG.

Neste sentido, sinalou que dos 40 contenciosos presentados contra o transporte público en Galicia "o 100%" foron favorables á Xunta e que só foron estimados dous dos 60 recursos rexistrados contra o plan.

"Os datos están aí", afirmou a conselleira durante a súa intervención na interpelación presentada polo deputado do BNG Paulo Ríos, que acusou á Xunta de ser a "única que ten unha cegueira voluntaria e selectiva" para "permitir" que empresas como Monbus ou Alsa "fagan o que queren cun servizo público".

"É moi triste esperar a que teña que ser a xustiza quen faga o que ten que facer a Xunta", espetou Ríos, que cualificou de "insulto colectivo" que a Administración autonómica facilite a repartición de liñas de autobús nun servizo "no que inviste 120 millóns ao ano".

Na súa quenda, a conselleira acusou ao BNG de estar en "o seu discurso de pancarta de sempre" antes de apuntar que "o incremento" de liñas, o "aumento" de usuarios e o "notable alto" alcanzado en valoración entre estes "avalan que o transporte público funciona".

Fotos Xunta/Infraestruturas/Pleno. Xunta de Galicia / Europa Press
Fotos Xunta/Infraestruturas/Pleno. Xunta de Galicia / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta