Adega reforza o seu compromiso de defensa do territorio "contra a invasión eólica" e a eucaliptización

O colectivo ecoloxista acordou manter o seu apoio ao ensino público, a Coordinadora Eólica Así Non e as asociacións que reclaman a marcha de Ence da ría de Pontevedra.

Por Galicia Confidencial | LUGO | 17/04/2023 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) acordou na súa 47ª Asemblea Xeral, celebrada o pasado 15 de abril no Centro Sociocultural Uxío Novoneyra de Lugo, reforzar o seu compromiso e "manterse firmes" na defensa do territorio "contra a invasión eólica" do monte e mar galegos durante o ano 2023.

47ª Asemblea Xeral de Adega. ADEGA
47ª Asemblea Xeral de Adega. ADEGA

Adega afirma estar "ás portas da que será a maior ofensiva da historia da organización fronte aos proxectos eólicos que se autoricen e que teñan un especial impacto sobre o patrimonio natural e cultural, co apoio das plataformas sociais". "Adega traballará co obxectivo de involucrar en maior medida as sociais e delegacións nesta campaña e sopesará tamén a súa participación en experiencias prácticas de autosuficiencia ou soberanía enerxética", engade o colectivo ecoloxista.

A segunda das liñas de actuación en 2023 "pasa pola custodia do monte e a afronta contra a masiva eucaliptización". Os socios e as socias asistentes á asemblea acordaron prestar "especial atención" ás plantacións ilegais máis graves e facer campaña de seguimento das xa presentadas. Tamén potenciarán proxectos de custodia en fincas doadas e impulsará máis accións directas sobre o terreo de voluntariado a prol do bosque galego.

Por outra parte, Adega acordou Promover unha campaña activa contra o modelo Sogama e o seu incumprimento dos obxectivos europeos, ademais de ampliar a oferta do colectivo en formación en compostaxe e procurar maior especialización no eido están entre os obxectivos prioritarios neste sentido.

PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN APROBADAS

Na asemblea, as persoas asistentes aprobaron catro propostas de resolución: manter o apoio á folga estudantil convocada polo sindicato Erguer. Estudantes da Galiza para o 25 de abril por un ensino público e de calidade contra a privatización e a desgaleguización; manter o seu compromiso coa Coordinadora Eólica Así Non; deixar constancia do seu apoio e agradecemento a todas as persoas, asociacións e institucións que non deixarán de loitar para que Ence marche da ría de Pontevedra.

Por última, Adega aprobou instar a todas as formacións candidatas que gobernen os concellos galegos a partir do 28 de maio a que poñan no centro políticas locais que "nos permitan enfrontarnos como pobo" aos retos da actual emerxencia ambiental, con especial atención á conservación da biodiversidade, dos recursos naturais e do patrimonio cultural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta