O prazo de solicitude de prazas nos campamentos da Xunta permanecerá aberto ata o próximo 2 de maio

A Illa de San Simón acollerá un novo campo de voluntariado e será escenario por primeira vez dun capamento xuvenil

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2023 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

O prazo para solicitar praza nun dos campamentos da Xunta permanecerá aberto ata o próximo 2 de maio. As familias interesadas deberán facer as solicitudes a través da sede electrónica da Administración autonómica e contan coa información sobre a oferta deste ano na web www.xuventude.net.

Diso informou a Consellería de Política Social e Xuventude nun comunciado, no que destaca que a conselleira, Fabiola García, visitou este mércores a Illa de San Simón, que en agosto acollerá de novo un campo de voluntariado e será escenario por primeira vez dun campamento xuvenil, dentro da programación da Campaña de Verán da Xunta de Galicia.

Na visita, a titular de Política Social incidiu en que o Goberno galego ultima os preparativos necesarios para que a mocidade goce dun verán para lembrar. Conforme indicou a Xunta, o novo campamento no complexo da Illa de San Simón --Ben de Interese Cultural (BIC) desde o ano 1999 e xestionado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades-- leva por nome 'A Illa dás historias'. Polo mesmo pasarán do 3 a 10 de agosto unha total de 30 mozos desde os 13 aos 16 anos de idade.

Os participantes, que deberán saber nadar, coñecerán a historia deste enclave que foi testemuña de traxedias e avatares marítimos, refuxio monacal, para persoas con enfermidades infecciosas ou cárcere. Ademais, contarán cunha ampla proposta de actividades como talleres artístico-literarios, de tradición marítimo-pesqueira e tamén de educación ambiental. O prazo para solicitar praza nun dos campamentos da Xunta abriu o martes, día 18, e permanecerá aberto ata o próximo día 2 de maio.

CAMPO DE VOLUNTARIADO

A directora xeral de Política Social, Cristina Pichel, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitan a Illa de San Simón. XUNTA
A directora xeral de Política Social, Cristina Pichel, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitan a Illa de San Simón. XUNTA | Fonte: Europa Press

Ademais, a Xunta informou de que están tamén habilitados os formularios para pedir praza nun dos campos de voluntariado da Xunta, que poderá facerse desde a páxina web de Xuventude.

En concreto, diríxense a mozos de entre 18 e 30 anos e a convocatoria estará aberta ata tres días antes do comezo de cada campo. O campo de voluntariado da Illa de San Simón, terá lugar do 1 a 12 de agosto. Contará con 15 prazas e a temática será teatral.

A campaña de verán ten como lema este ano 'O verán que sempre vas lembrar' e conta co máis de 11.200 prazas entre campamentos xuvenís, campos de voluntariado (en Galicia, noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro), minicampamentos e outras propostas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta