Traballadores de transporte de viaxeiros volven ás rúas: "Estamos no peor momento que viviu nunca este sector"

CIG, Comisións e UXT censuran en Santiago a "inmobilidade" dunha patronal que ofrece melloras salariais "irrisorias"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2023 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

Traballadores do transporte de viaxeiros volveron a saír ás rúas este martes para reclamar á patronal que sente a negociar subidas salariais e melloras no servizo, reivindicacións que os levarán a dúas novas xornadas de folga --convocadas para este xoves e venres-- que ameazan con converter en indefinida a partir do 8 de maio se non se producen avances.

"O sector está patas para arriba", denunciaron os portavoces de CIG, Xosé Pastoriza; UXT, Miguel Campos; e Comisións Obreiras (CC.OO.), Raúl Rodríguez, ao comezo da manifestación celebrada na mañá deste martes en Santiago de Compostela, que serviu de antesala para a dobre xornada de paros no sector coas que o tres principais organizacións sindicais pretenden paralizar o transporte de viaxeiros por estrada ás portas da ponte do 1 de maio.

Antes, os representantes dos traballadores e a patronal están chamados a participar nun encontro organizado no Consello Galego de Relacións Laborais este mércores que pretende achegar posturas para desencallar un conflito que xa levou a un día de folga o pasado 31 de marzo que contou cun seguimento "masivo" de entre o 90 e o 100%, segundo os convocantes.

Desde entón, os sindicatos censuran a falta de movementos por parte da patronal e a ausencia dun papel activo por parte do Goberno galego, do que dependen "o 90%" das liñas englobadas baixo os convenios provinciais que CIG, UXT e CC.OO. piden revisar para compasar os salarios ao incremento do IPC.

"As cousas non cambiaron. Hai unha proposta irrisoria da patronal e ningún movemento desde a última folga", aseverou o responsable de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, que espera que o encontro deste mércores sirva para avanzar no desbloqueo da situación pero non para paralizar a folga desta semana. "Ten que ser unha oferta moi grande para poder ir a unha suspensión", apostilou antes de situar en "o 99%" a continuidade dos paros.

Pola súa banda, o responsable de estradas de UXT-Galicia, Miguel Campos, incidiu en que os traballadores levan "dous anos esperando que se negocie" un novo convenio no que "se teña en conta" a situación dun sector "precarizado". "A falta de condutores vén diso, da precarización absoluta", remarcou o responsable de UXT, que advertiu que a situación "cada ano é peor" pola evolución alcista dos prezos.

Tamén pon o foco na situación dunha frota de autobuses "envellecida" e "desfasada", o que repercute na seguridade de choferes e usuarios. "Botamos en falta a implicación nese sentido, que se cumpran os pregos e que os coches cos que se traballa estean en condicións, para traballadores e para usuarios", apuntou o coordinador de estradas e transporte de CCOO en Galicia, Raúl Rodríguez, ao comezo dunha marcha que partiu da estación de autobuses para culminar ás portas do Parlamento de Galicia.

RESPONSABILIDADE DA XUNTA

Os sindicatos inciden en que a Xunta é "unha pata moi importante desta problemática" pois dela dependen licitacións públicas de mobilidade e educación. "As nosas reivindicacións son cara ás empresas, pero a Xunta é parte disto", aseverou Pastoriza antes de aseverar que o sector está "patas para arriba".

Nesta liña, apuntou á existencia de plataformas cidadás que reclaman os seus dereitos á mobilidade, algo que tamén espertou accións de unidade entre alcaldes --"mesmo algún do PP"-- e de anpas ou traballadores. "Estamos no peor momento que viviu nunca este sector. A Xunta non pode mirar a outro lado", concluíu.

Manifestación transporte de viaxeiros ante a estación de autobuses de Santiago
Manifestación transporte de viaxeiros ante a estación de autobuses de Santiago | Fonte: Europa Press

A XUNTA APELA A "RESPECTAR OS SERVIZOS MÍNIMOS"

conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, apelou ao respecto dos servizos mínimos durante as dúas xornadas de folga convocadas para este xoves e venres nos servizos de transporte de viaxeiros por estrada.

A preguntas dos medios este martes en Ourense, a responsable da área de transportes no Goberno autonómico reiterou que os paros convocados por CIG, CC.OO. e UXT parten dunha "reivindicación de incremento salarial" ás empresas que ostentan os contratos de prestación de servizo das liñas de autobus.

Tras incidir en que se trata dunha convocatoria que afecta "a todo o sector do transporte, non só ao interurbano da Xunta", a conselleira instou aos traballadores a "respectar os servizos mínimos" durante as 48 horas de folga, a segunda en menos dun mes convocada polas organizacións sindicais que ameazan con iniciar un paro indefinido a partir do 8 de maio se non se producen avances na negociación do catro convenios provinciais.

Por último, Vázquez defendeu o compromiso do Goberno galego co transporte de viaxeiros, ao que dedica 120 millóns de euros anuais en contratos de transportes e axudas extraordinarias de 45,5 millóns sumadas a outros 16,6 millóns en apoios para a "viabilidade" do sector.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta