Por Galicia Confidencial | A Coruña | 03/05/2023 | Actualizada ás 22:00
Canto pode custar asesorar a unha empresa pública?. Un bo exemplo do que pode levar asesorar a unha entidade pública está en SOGAMA que ten aberto un concurso público cun orzamento inicial de case 900.000 euros que supostamente é o que custa realizar un informe sobre a "folla de ruta 2024-230" de Sogama e asesorar na implantación do mesmo. Uns cartos públicos que servirán, segundo este ente público, para poñer en marcha "un exercicio de revisión, de planificación e de actualización estratéxica" e "anticiparse, estar á vangarda e coliderar o cambio en Galicia cara a un verdadeiro modelo de economía circular".
"Trátase de contar con soporte experto para a conceptualización dunha visión estratéxica que á súa vez se materialice nunha folla de ruta técnica e económica (evolución de infraestruturas, plan de investimentos) que conteña iniciativas concretas", apunta o prego deste concurso público ao que tivo acceso Galicia Confidencial.
A consultora que saia elixida terá que realizar o traballo en varias fases. Nunha primeira fará unha análise do contexto externo e impacto sobre SOGAMA. Isto é, o marco regulatorio, directrices europeas, obxectivos de desenvolvemento sustentable, estratexia galega de economía circular 2019-2030, plan de residuos nacional, plan de xestión de residuos en Galicia (2023-2030) e estado actual, modelos de recollida municipal en Galicia, evolución prevista e impacto de todo o anterior sobre SOGAMA.
SITUACIÓN ACTUAL E FOLLA DE RUTA
A segunda fase será un estudo da situación actual de Sogama, "coñecemento das infraestruturas, medios humanos, materiais, procesos, procedementos, ferramentas coas que conta e en xeral, estado actual na consecución dos obxectivos definidos e identificación de posibles iniciativas/actuacións para cumprir cos obxectivos definidos na Fase I" .
Na terceira fase realizarase unha descrición detallada das iniciativas priorizadas para os próximos 3 anos e o seu correspondente "Business Case (estudo de rendibilidade)" no que se analizará o "encaixe das iniciativas priorizadas dentro dos presupostos/recursos de Sogama e proporanse alternativas de financiamento das mesmas". Na cuarte fase desenvolverase unha folla de ruta das infraestruturas de SOGAMA desagregada por tipo de infraestrutura. Entre elas está o Complexo Ambiental de Cerceda, as plantas de Transferencia, as p lantas de Compostaxe, o Vertedoiro e outras infraestruturas que se deriven desta análise
Xa na quinta fase farase un plan estratéxico de SOGAMA e "todas as tarefas que sexan necesarias para poder concluír o exercicio cunha visión estratéxica que inclúa a dimensión técnica, económica, ambiental, social e de gobernanza (análise DAFO, etc?) e o seu plan de investimentos correspondente".
AMPLIACIÓN
Precisamente, a Xunta publicaba este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da aprobación definitiva do proxecto de interese autonómico (PIA) para a ampliación do complexo ambiental de SOGAMA nas súas actuais instalacións en Cerceda.
O ámbito de actuación obxecto deste PIA ten unha superficie total de 805.431,86 metros cadrados e está conformado por 18 parcelas, incluída a correspondente ás actuais edificacións do complexo, que ocupan 50.000 metros cadrados --o que supón un marco posible de ampliación que multiplica por 16 a superficie actual--.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.