A CIG acusa a Educación de xerar "carga burocrática innecesaria" aos centros ao pedir datos sobre os comedores

Para a CIG, esta petición "excede por completo as funcións" do persoal docente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2023 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

A CIG acusou á Consellería de Educación de "improvisar" e xerar unha "carga burocrática innecesaria e impropia" nos centros educativos coa súa solicitude de información sobre os comedores escolares, cafetarías e máquinas expendedoras.

Segundo recolle un comunicado da central nacionalista, a Xunta remitiu correos electrónicos nos últimos días nos que piden documentación sobre os menús que se ofrecen nos centros para participar nun programa de control promovido polo Ministerio de Sanidade.

O prazo outorgado aos centros docentes para remitir a información é de tres días pero, segundo a CIG, a consellería cambiou as instrucións dadas nun primeiro momento para reclamar tamén datos sobre os valores nutricionais destes menús.

Para a CIG, esta petición "excede por completo as funcións" do persoal docente ou os traballadores da cociña responsables dos comedores. Ademais, consideran que o prazo dado ata o 25 de maio para o envío desta información "implica unha sobrecarga de traballo que non se pode consentir".

"A Consellaría de Educación non só non move un dedo para reducir a atafegante burocracia que impón nos centros educativos senón que acepta un incremento dunha maior carga burocrática sen control do que se pide nin do que implican os prazos sinalados", incidiu CIG-Ensino, que pide a revisión das instrucións.

Así, solicitan que sexa Educación quen se encargue do control dos traballos, que deben recaer en persoas con "competencias" profesionais para facelo como, por exemplo, nutricionistas, á vez que reclaman que se amplíen os prazos para cumprir cos requisitios "sen que incida negativamente na actividade normal dos centros".

Comedor escolar
Comedor escolar | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta