O comité da CRTVG obrigado a desconvocar a folga do 28M ante uns servizos mínimos "desproporcionados"

Sinala que "inhabilita na práctica o exercicio do dereito fundamental á folga" e que "agrava a política de abusos dunha dirección despótica e fascista".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2023 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O comité intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) desconvocou a folga prevista para a xornada electoral deste domingo 28 de maio "porque a dirección decretou servizos mínimos inéditos para rebentala".

A través dun comunicado de prensa, a representación do persoal dos medios públicos avanza que "atacará xudicialmente esta decisión" ao considerar que "inhabilita na práctica o exercicio do dereito fundamental á folga" e que "agrava a política de abusos dunha dirección despótica e fascista".

A pouco máis de 48 horas para o inicio da xornada electoral deste domingo, cando estaba prevista a quinta xornada de folga na CRTVG para reclamar "o fin dos abusos da dirección contra o persoal", o comité desconvocou o paro ante uns servizos mínimos "abusivos e desproporcionados"

Segundo afirma, o número de efectivos convocados para traballar na xornada electoral en servizos mínimos "supera ao de calquera outra cita anterior coas urnas" e é unha decisión "inxustificada" que ten como obxectivo "rebentar a folga".

Os intercentros considera "despótico e fascista" este comportamento e advirte de que continuará "en defensa das razóns que motivaron a convocatoria destes paros, así como na reivindicación dunha CRTVG libre de manipulación informativa e de abusos". Neste sentido, o vindeiro xoves 1 de xuño celebraranse asembleas xerais co persoal de todos os centros de traballo.

Membros do comité intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) maniféstanse contra a manipulación informativa da Xunta e o Partido Popular / Europa Press / Europa Press
Membros do comité intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) maniféstanse contra a manipulación informativa da Xunta e o Partido Popular / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta