Ferida unha persoa en Abegondo á que tiveron que rescatar tras caer co seu vehículo por un terraplén

Un camión sáese da A-52 en Ponteareas, sen que resultase ferido o condutor

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2023 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

Un condutor resultou ferido este venres tras caerse co seu vehículo por un terraplén en Abegondo. Os bombeiros non chegaron a empregar a material de excarceración, pero si tiveron que intervir para rescatalo.

Segundo informa o 112 Galicia, un particular chamou sobre as 15,30 horas da tarde para informar de que un coche se caeu polo terraplén no quilómetro 6 da AC-542, en Abegondo. Así, a central de emerxencias pasou o aviso a Urxencias Sanitarias-061 e aos bombeiros de Betanzos, que se desprazaron ata o punto. Tamén foron informados os axentes de Tráfico e Protección Civil da localidade.

Unha vez alí, tras rescatar ao ferido e único ocupante do coche, os bombeiros empregaron unha táboa espinal e de cordas para o rescate. Para este operativo, tiveron que asegurar o automóbil e cortar dúas árbores que impedían a súa retirada, que se fixo cun guindastre.

SAÍDA DE VÍA DUN CAMIÓN EN PONTEAREAS

Ademais, tamén na tarde deste venres, un camión saíuse da vía en Ponteareas. Aínda que o seu condutor non resultou ferido, por precaución os servizos sanitarios desprazados ao lugar realizáronlle unha primeira valoración sobre o seu estado.

O 112 tivo constancia do sinistro pouco antes das 15,00 horas. Un particular chamou para informar deste suceso e indicar que ocorrera na A-52, kiómetro 293, á altura de San Mateo de Oliveira, en dirección Vigo.

Así, os xestores da central de emerxencias alertaron a Tráfico, á Policía Local, ao GES-SPEIS Ponteareas e a Protección Civil. Por precaución, tamén avisaron ao 061. Os bombeiros tiveron que retirar o camión cun guindastre.

Camión de bombeiros
Camión de bombeiros | Fonte: EDIMA

EXPLOSIÓN NUNHA CAMPÁ EXTRACTORA

Unha muller necesitou asistencia sanitaria tras rexistrarse unha explosión na campá extractora da súa vivenda, situada na avenida de Conde de Bugallal, en Pontevedra.

Segundo trasladou o 112 Galicia, os feitos producíronse sobre as 14,50 horas deste venres. A esa hora, un particular contactaba coa central de emerxencias para solicitar axuda, xa que acababa de explotar a campá extractora da cociña dunha vivenda situada nesta rúa pontevedresa.

Nesa comunicación, aseguraba que xa non había chamas, aínda que a vivenda estaba chea de fume. Ademais, afirmaba que unha persoa resultara afectada e sufrira queimaduras. Con todo, segundo indicaron posteriormente os profesionais sanitarios que atenderon á muller no punto, as feridas causadas non parecían revestir gravidade e non necesitou ser trasladada.

Ata o lugar, mobilizados polo 112, desprazáronse os servizos sanitarios, os Bombeiros de Pontevedra, axentes da Policía Local e Nacional, así como voluntarios de Protección Civil. Finalmente, os bombeiros confirmaron á central de emerxencias que o lume fora extinguido por varias persoas, polo que procederon a realizar tarefas de ventilación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta