Galicia líbrase da caída das exportacións que sofreu o resto de España no mes de abril

As vendas ao exterior soben un 6,4% no global do cuadrimestre, menos que a media do país.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/06/2023 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

Galicia exportou bens por 2.359 millóns de euros en abril de 2023, un 1,1% máis que no mesmo mes de 2022, segundo os datos que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE) este xoves. Este incremento contrasta coa caída media do 6,3% das exportacións en España, cunha cifra que se contrae a 29.342 millóns de euros.

No entanto, o ritmo de crecemento das exportacións galegas minorizouse de forma abrupta respecto ao 31% de avance que computaban en marzo. Na media do que vai de ano, entre xaneiro e abril, as vendas ao exterior de Galicia subiron un 6,4%, por baixo do 9,2% de alza no país no mesmo período.

Como vén sendo habitual nos últimos meses, as vendas de vehículos son as que teñen un mellor comportamento, cun peso do 29,3% sobre o total de exportacións e unha taxa de variación do 88%. As áreas de máquinas e aparellos mecánicos, así como outros produtos químicos son outras das que teñen maiores aumentos. En cambio, combustibles e aceites minerais son as que inflúen máis negativamente (-9,6 puntos).

CAÍDA DE IMPORTACIÓNS

No tocante ás importacións, o dato é de 1.680,8 millóns en abril na comunidade galega, un 19,6% menos. Isto arroxa unha balanza comercial positiva de 678 millóns (cunha cobertura do 140%). As importacións do primeiro cuadrimestre foron de 6.942,6 millóns, un 14,8% menos, o que deixa un saldo positivo neste caso de 2.734 millóns. Contrasta coa balanza negativa entre exportacións e importacións de 10.953 millóns en España.

Traballadores da planta de Vigo de Grupo PSA producindo un vehículo
Traballadores da planta de Vigo de Grupo PSA producindo un vehículo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta