O salario medio galego subiu un 2,1% en 2021, por debaixo do 2,9% da media estatal

A brecha por sexos é de case 5.000 euros, con menor redución no caso galego que no país.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2023 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

O salario medio bruto en Galicia situouse en 23.305,9 euros en 2021, o que supón unha subida do 2,1% respecto ao ano anterior. No entanto, este incremento é inferior ao 2,9% de incremento na media española, onde se eleva a 25.896,8 euros, máis de 2.500 euros por encima do dato galego.

Así figura na 'Enquisa de Estrutura Salarial 2021' do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicada este martes, na que se recolle que os salarios galegos son os quintos que menos soben no Estado, con Baleares á cola (1,1%). No outro extremo, despunta o avance do 4,5% de Estremadura. A nivel de salario bruto, o de Galicia é o sexto máis baixo do país, con Estremadura co peor dato (21.193 euros). En cambio, sobresae País Vasco coa mellor cifra (31.063 euros).

Por sexos, a brecha de xénero é de case 5.000 euros en Galicia --en España supéranse os 5.000 euros de diferenza-- en 2021. Así, un home galego cobra de media 25.794,2 euros, mentres unha muller só percibe 20.904,4 euros. Ademais, esa redución da brecha é menos acusada o caso galego que no español. E é que os salarios delas ascenderon un 2,2% en Galicia --un 3,2% en España-- e o deles un 2% --un 2,7% en España--. Así, o recorte é de 0,2 puntos en favor das mulleres na comunidade galega fronte a 0,5 puntos no global estatal.

Un traballador galego recibe de media 14,74 euros por hora traballada, tamén por baixo dos 16,5 euros da media española. Ademais, a subida é de só 0,2 euros na comunidade --0,4 euros no Estado--.

Diñeiro en efectivo. NICKEL
Diñeiro en efectivo. NICKEL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta