A folga en escolas infantís privadas tivo un seguemento do 80% segundo os sindicatos

Na manifestación en Compostela estivo presente a candidata de Sumar Galicia ao Congreso pola Coruña, Marta Lois.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2023 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

O seguimento da folga convocada para este xoves nas escolas infantís privadas e de xestión indirecta de centros de titularidade pública --de 0 a 3 anos-- foi de case o 80%, segundo a estimación da CIG-Ensino.

Este xoves, unhas 200 educadoras realizaron unha manifestación en Santiago, que saíu da Alameda e finalizou ante a sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), para reclamar un convenio "digno" e salarios "xustos".

En declaracións aos medios, o responsable de ensino privado de CIG-Ensino, Enrique García Vázquez, lamentou que vai máis dun ano de negociacións coas patronais a nivel estatal, con nove mesas negociadoras nas que "non houbo un mínimo avance". En Galicia son unhas 2.000 educadoras --as profesionais do sector son maioritariamente mulleres-- en 200 centros.

Denuncia que os salarios están "por baixo do SMI", polo que "hai que regularizar" as táboas de soldos "canto antes e dignificalas". Esta xornada de folga chega tras diferentes mobilizacións en días pasados en cidades como Vigo e A Coruña, así como concentracións o pasado 27 de xuño de traballadoras ante as escolas.

Tamén lamenta as condicións laborais que padecen as educadoras, que non teñen separación entre xornada lectiva e non lectiva para preparar as clases, posto que son "38 horas lectivas de asistencia directa co alumnado". Está prevista unha nova convocatoria da mesa de negociación para o 7 de xullo. Os sindicatos están á espera de coñecer "se hai cambio de rumbo" por parte da patronal antes de decidir novas mobilizacións.

Sobre esta xornada de folga --convocada por CIG-Ensino, CC.OO., UGT, SNEPdeG e USO--, García Vázquez apunta que é "moi irregular", desde centros que non puideron abrir ata outros máis pequenos sen datos ao non haber representación sindical. Inidica que só a Xunta fixou servizos mínimos para os seus centros de xestión externa dependentes do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar e a Axencia de Servizos Sociais.

Ademais, reproba que "houbo presións" por parte da patronal, con concellos obrigando a cumprir uns servizos mínimos fixados pola Xunta que "só" eran válidos para os seus centros dependentes. Na manifestación en Compostela estivo presente a candidata de Sumar Galicia ao Congreso pola Coruña, Marta Lois.

Protesta de traballadores de escolas infantís privadas
Protesta de traballadores de escolas infantís privadas | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta