Propietarios das Fragas do Eume protestan para esixir compensacións pola "perda de renda" derivada do PRUX

Ademais aproveitan para denunciar o mal estado dos camiños e das leiras debido a incapacidade de realizar traballos de mantemento.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/07/2023 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

Ao redor dun centear de propietarios de terreos das Fragas do Eume manifestouse este xoves ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no barrio compostelán de San Lázaro, para reclamar á Xunta "compensacións polas perdas de renda" que sofren polas restricións de uso derivadas da declaración do parque natural en 1997 e do Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) aprobado este ano.

Así o explicou a presidenta da asociación de propietarios das Fragas do Eume, Ángeles Pita, en declaracións aos medios nesta protesta na que tamén participou o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, tamén como alcalde das Pontes. Xunto a el, estiveron os rexedores socialistas de Pontedeume, Bernardo Fernández, e de Monfero, Andrés Feal, mentres que o alcalde de Cabanas, Fernando Couce (PP), outro dos concellos afectados, non participou.

Formoso explicou que os propietarios e os representantes municipais si son "favorables" ao parque natural e ao PRUX, "como non pode ser doutra maneira", pero censurou a "insensibilidade" da Xunta porque "non está a atender ás reclamacións" dos veciños: "Piden o que están a gozar outros propietarios en Castela e León, en País Vasco, en Asturias, en Andalucía e en Extremadura".

Segundo a presidenta da asociación, o que demandan son "compensacións polas perdas de renda", porque "desde 1996", un ano antes da declaración das Fragas do Eume como parque natural, xa sufriron "medidas cautelares" que restrinxían os usos dos terreos. Posteriormente, en 2004, incluíuse na Rede Natura e en marzo de 2023 o Consello da Xunta aprobou o PRUX. "Vemos moi limitadas as nosas posibilidades de explotación madereira. Todo o mundo sabe que a madeira é a (paga) extra do mundo rural", manifestou Pita, para lembrar que "o 80%" do parque é de propiedade privada.

Os manifestantes percorrido a contorna de San Lázaro onde está situada a Consellería de Medio Ambiente facendo soar chifres e megáfonos mentres coreaban diversas consignas. Non faltaron pancartas nas que se podía ler: 'Parque natural si. Compensación ós propietarios tamén'; ou 'Non ou PRUX sen consenso'.

FORMOSO PIDE ABANDOAR "O RODETE"

O secretario xeral do PSdeG e alcalde das Pontes esixiu á Consellería de Medio Ambiente que "sexa sensible" e que "non utilice o rodete neste asunto". Valentín González Formoso apuntou que "só o ano pasado" Galicia "perdeu no ámbito rural 4.800 postos de traballo". Se se bota a vista atrás unha década, os datos da EPA sinalan que a diminución é de ata "o 50%" nun sector "estratéxico da economía galega".

"Por tanto, se seguimos con esta insensibilidade, se seguimos simplemente aplicando o rodete desde a capital sen ter en conta a sensibilidade social, loxicamente o rural será abandoado, haberá cada vez máis incendios, haberá cada vez máis incomprensión, máis concentración de xente no mundo urbano e, por tanto, perderá Galicia esa esencia rural que sempre mantivo e que nos viu a todos nacer", sentenciou o líder socialista.

"NON SE ESTÁN COIDANDO"

Sobre a situación actual das Fragas do Eume, Ángeles Pita advertiu que "non se están coidando", que "non hai servizos" e que os camiños "están feitos unha mágoa". "Se os propietarios estivésemos contentos e puidésemos chegar a acordos coa Consellería, que iso debería ser posible, a sociedade en xeral, e a galega en particular, tamén tería moitas máis vantaxes", agregou a presidenta.

Pola súa banda, o secretario da asociación de propietarios, José Luís Piñeiro, lamentou como a Xunta "leva dende o ano 1994 sen escoitar á xente e sen negociar" nos diferentes procesos administrativos. Non foi ata este 2023 cando se aprobou ese PRUX e este colectivo considera que se fixo de forma "totalmente alegal", sen que se contestase "á metade" das alegacións dos propietarios. "Polo menos, á nosa (asociación), non contestaron e non nos queda outra solución que manifestarnos e presentar un contencioso-administrativo, e niso estamos", advertiu.

Así mesmo, Piñeiro asegurou que as Fragas do Eume están agora "moito peor que antes" porque "non se deixa facer nada" en canto a xestión da maleza nas leiras.

Propietarios das Fragas do Eume protestan ante a Xunta
Propietarios das Fragas do Eume protestan ante a Xunta | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta