As traballadoras de DomusVi Ferrol irán á folga tres días pola "brutal carga de traballo"

Reclaman "condicións de traballo dignas" e un reforzo do persoal que "garanta a calidade asistencial" que dan aos usuarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2023 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

As traballadoras da residencia DomusVi de Ferrol irán á folga os días 21 de xullo, 21 de agosto e 31 de agosto para reclamar "condicións de traballo dignas" e un reforzo do persoal que "garanta a calidade asistencial" que dan aos usuarios.

Segundo explicou a CIG, coincidindo coa primeira xornada de folga, este venres, as traballadoras tamén se concentrarán diante do centro residencial de 10,30 horas a 12,00 horas. Así o anunciou este martes o comité en rolda de prensa na que denunciou "a brutal carga de traballo" que ten o persoal e as "actitudes ditatoriais" da dirección do centro.

A responsable do sector de residencias da CIG de Ferrol, Beatriz Fernández, lembrou que "os problemas" no centro "veñen de vello" e que tanto o comité como a CIG "levan anos advertindo da precarización das condicións de traballo e da atención que se presta aos usuarios".

Ademais, denunciou que en "en menos de seis meses" tiveron dúas directoras e indicou que a actual "non informa o comité nin ás traballadoras". "Entregounos un calendario de vacacións que está mal feito cando xa hai varios meses que lles dixemos que non valía, e estase cargado todos os acordos alcanzados coa representación social nos últimos anos", explicou Fernández.

"ALARMANTE DÉFICIT" DE PERSOAL

Con todo, Fernández incidiu no "alarmante déficit" de persoal que "obriga" a que teñan que "asumir unha carga de traballo brutal". Nesta liña, subliñou que "a falta de persoal" fai que nas quendas de tarde "só haxa dúas persoas para fornecer 90 medicamentos".

Por todo iso, as traballadoras acordaron convocar tres xornadas de folga parcial e contactar coas asociacións de usuarios para exporlles "as carencias" da residencia de Ferrol e "solicitarlles que se somen ás mobilizacións" que convoquen.

O sindicato avanzou que o comité "xa solicitou" reunións coa dirección para "tratar estas problemáticas", pero "non lles contestan". Por iso, instou á Xunta a "realizar as funcións inspectoras" que lle corresponde e que "lle esixa á residencia que cumpra cos cocientes de persoal para garantir tanto as condicións laborais como unha atención digna". Finalmente, Fernández indicou que "aínda non se lle comunicou" ao comité de folga os servizos mínimos para o paro do próximo venres.

Folga DomusVi Ferrol. CIG
Folga DomusVi Ferrol. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta