Sindicatos do metal destacan a súa unidade para forzar á patronal a negociar

Ven como un "claro avance" o preacordo de convenio tras sete meses de negociación.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 19/07/2023 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

Sindicatos do metal de Pontevedra (CC.OO., UGT e CIG) ven como un "claro avance" o preacordo de convenio colectivo asinado coa patronal tras sete meses de negociación, 15 reunións e seis xornadas de folga.

Nun comunicado conxunto, as organizacións puxeron en valor a "unidade sindical" do sector, subliñando o preacordo que, a pesar de non conseguir todos os obxectivos marcados, supón un "claro avance nas condicións dos traballadores".

"A valoración final do preacordo está en mans dos delegados e afiliados, que son a cara visible nos centros de traballo e sen os cales a xestión do conflito non sería posible", lembraron.

Este preacordo conseguiuse horas antes do inicio dunha folga indefinida no sector e, entre os principais cambios, recolle unha subida salarial do 9% en tres anos e unha redución da xornada anual de 16 horas.

Con todo, quedaron fóra outras demandas como a subrogación das empresas privadas, que si se recolle no convenio do metal do resto das provincias galegas. "Seguirémolo tentando nos próximos convenios", reivindicaron.

"Non podemos esquecernos das cousas que a patronal quixo cambiar ou quitar do convenio do metal e non o conseguiron, como a conxelación do oficial de segunda e dos enxeñeiros, a utilización sen límites das ETT ou meter o contrato de fixo descontinuo, implantar unha categoría de entrada ou quitar a cláusula de revisión do IPC", engadiron os sindicatos.

Manifestación da sexta xornada da folga do metal, a 7 de xullo de 2023
Manifestación da sexta xornada da folga do metal, a 7 de xullo de 2023 | Fonte: Javier Vázquez - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta