Buses especiais para promover as visitas ás festas da Gándara de Narón e do Cochiño en Cerceda

Cabe recordar que os menores de 21 anos viaxan gratis.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 22/07/2023 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

A Xunta habilitou servizos de autobús especiais para as Festas da Gándara, en Narón, e do Cochiño, en Cerceda.

Festa do Cochiño de Cerceda 2022
Festa do Cochiño de Cerceda 2022 | Fonte: Páxinas Galegas

Segundo trasladou a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, para as festas da Gándara, activaranse servizos entre a Praza de España de Ferrol para Xuvia, en Narón, do 25 ao 28 de xullo.

Os servizos de ida sairán de Ferrol ás 00.00 horas, ás 01.00 e ás 02.00 da madrugada, e os de volta sairán desde Xuvia cara a Ferrol ás 00.30 horas, 01.30 e 02.30 horas, respectivamente.

Ademais, o día 28 de xullo tamén se habilitarán servizos con saída desde a Praza de España de Ferrol ata Xuvia ás 03.00 e 04.00 horas, e en sentido contrario, desde Xuvia ata a Praza de España, ás 03.30 e 04.30 horas.

Así mesmo, o 29 de xullo activaranse servizos con motivo das festas do Cochiño no Parque Acuático de Cerceda. Así, poñeranse en marcha expedicións con saída de Entrexardíns (A Coruña) ás 19.00 e 21.00 horas. Para o regreso, os usuarios contarán con autobuses que sairán na madrugada do día 30 ás 02.15 e 03.30 horas, respectivamente.

Os servizos de volta cara á Coruña non recollen parada en Cerceda, pero os veciños deste municipio contarán con servizos específicos de regreso o día 30 ás 02.00 e ás 03.15 horas da madrugada que partirán desde o Aquapark.

Os menores de 21 anos poderán viaxar gratis utilizando a tarxeta Xente Nova. Os demais usuarios do transporte público da Xunta poderán beneficiarse dos descontos da tarxeta TMG. A información relativa aos horarios dos servizos e as súas paradas poderá ser consultada na páxina web www.bus.gal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta