O aumento das temperaturas globais e algunhas consecuencias para Galicia

As elevadas temperaturas no Mediterráneo e no Atlántico e as consecuencias como mortandade de especies comerciais, fenómenos atmosféricos moi perigosos e mesmo o colapso dos océanos, forman un escenario apocalíptico que para algúns xa se está manifestando e para outros non deixan de ser feitos puntuais no tempo. Sería posible chegar a estes extremos?

Por Moncho Mariño | Santiago | 13/08/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O secretario xeral da ONU, António Guterres, anunciaba o pasado día 27 que o mes de xullo de 2023 sería o máis caloroso nunxa rexistrado antes. E non facía falta chegar ao día 31 para confirmalo. As palabras de Guterres estaban apoiadas nos datos da Organización Meteorolóxica Mundia (OMM) e o Servizo Copérnicus da Comisión Europea. Mesmo as augas oceánicas experimentaron subas de temperatura nunca antes documentadas. E as consecuencias destes fenómenos térmicos, segundo o secretario xeral da ONU, xa son visibles, tormentas, inundacións, persoas mortas por fenómenos atmosféricos ou perdas de terras cultivables. Porén, un escenario “apocalítico” descrito por algúns pode materializarse nun espazo de tempo a máis longo prazo, cousa que non lle quita perigos nin efectos negativos para a humanidade. Dentro dese escenario, como queda Galicia? Como nos afectarían algunhas das peores previsións sobre o cambio climático?

Temperaturas Medias segundo os cambios climáticos
Temperaturas Medias segundo os cambios climáticos | Fonte: Fonte FIC

QUE ESTÁ SUCEDENDO?

O Plantel Intergobernamental de Expertos en Cambio Climático da ONU (IPCC) alertaban en 2019 da necesidade inmediata de cambios nas maneiras de sacar rendemento ao planeta para, polo menos, amortecer os efectos do cambio climático. As propostas ían desde unha mellor xestión forestal, recuperación de ecosistemas e preservación dos xa existentes. Tres anos despois, un artigo da NASA mostraba o aumento consecutivo da temperatura nas augas oceánicas desde o ano 1955. O artigo apuntaba que “o 90% do quecemento global estase dando no océano”. Engadía tamén que “os últimos dez anos foron a década máis cálida no océano polo menos desde o século XIX. O ano 2021 foi o máis cálido rexistrado nos océanos e o nivel do mar mundial máis alto”.

“O aumento da temperatura no mar é algo moi grave porque a masa de auga mariña regula as temperaturas globais” di Fins Eirexas, de ADEGA. O coñecemento sobre este punto “xa se sabía polo menos hai trinta anos, mais é agora cando ten máis pegada mediática”. Esta exposición mediática apunta a escenarios “catastrofistas” que só teñen unha resposta, frear as causas atropocénicas (de orixe humana) que levan á variabilidade climática actual. “Debemos deixar o catrastofismo e apuntar a acción máis concretas”.

“As vagas de calor non están provocadas 'per se' polo cambio climático, este último o que fai é aumentar as dimensións desa vaga como fenómeno” apunta Dominc Roye, climatólogo e responsable de ciencias de datos na Fundación para a Investigación do Clima (FIC). En canto ás temperaturas no mar o máis salientable “son as temperaturas nocturnas de 25º C na costa mediterránea, moi elevadas ao que se debe sumar a humidade”. Este mesmo fenómeno pode darse no Océano Atlántico? “Si que se pode dar e sorprenden as anomalías tan altas no Atlántico”.

Barco pesqueiro
Barco pesqueiro | Fonte: CEPESCA - Europa Press

“O clima son distribucións de temperaturas e probabilidades de temperaturas que poden aumentar ou diminuír segundo os desprazamentos desas distribucións”, apunta Martín Senande, investigador da USC. Por outra parte engade que “non toda a variabilidade está ligada ao cambio climático, senón que temos variacións rexionais como El Niño ou La Niña”. Mais o que si se ten observado é un aumento escalado das temperaturas segundo avanzan os anos.

COLAPSO MUNDIAL?

A mesma NASA publicaba na súa web en español a posibilidade dun colapso nas correntes mariñas debido ao desxeo dos polos, sobre todo do xeo ártico. A desaparición da superficie xeada do Océano Ártico levaría a unha elevación das temperaturas que sumiría o emisferio norte nun descenso abrupto das temperaturas, “nun período tan curto como 20 anos”. O artigo foi publicado en 2004, mais foi case vinte anos despois cando saltou á palestra mediática o fenómeno que describe .

“Debemos diminuir os efectos mediáticos porque o colapso oceánico aínda non se deu e non se sabe cando pode acontecer, pode ser en dous anos, vinte ou nun século en caso de suceder” sinala Dominic Roye. Alén diso, Roye lembra que as correntes mariñas son un produto dos ventos e a temperatura da auga. “O vento do Nordés empurra as augas cálidas das Rías Baixas cara o interior do océano deixando aflorar as correntes máis frías”, sendo este fenómeno o favorecedor da flora e fauna mariña das rías. Porén, temperaturas de 25º C na auga desta zona non é normal nin no verán. “De aí vén a mortandade de bivalvos rexistrada nalgúns lugares”, coas correspondentes consecuencias económicas.

“A suba de temperaturas no mar significará unha baixa significativa na produción de bivalvos, aínda máis, a alteración dos parámetros de temperatura e salinidade creará un desastre na cadea trófica” di Eirexas. A economía relacionada coa explotación de recursos mariños quedaría moi danada. Galicia está nunha encrucillada de correntes mariñas quentes e frías “e a corrente fría permite a fertilidade das nosas rías”.

As áreas climáticas temperás do planeta serán as que máis sufran as variabilidades nas temperaturas. Os estudos sobre os efectos do cambio climático describían unha serie de escenarios posibles e agora mesmo “estamos no peor deles”. A única solución é frear os seus efectos mediante políticas transversais para todos os sectores e países. Outra cara son os incendios forestais de amplas magnitudes que se levan vivido nos últimos anos. “A variabilidade atmosférica inflúe na intensidade dos incendios, mais tamén hai unha compoñente humana detrás deles tanto para provocalos como detelos” di Martín Senande.

E se esta calor fose un fenómeno natural máis entre os diversos ciclos climáticos padecidos polo planeta desde a súa formación? “O actual cambio climático é antropoxénico, o período cálido da Idade Media foi un fenómeno natural e que só se deu en Europa, o mesmo que a Pequena Idade do Xeo que foi do século XVI ao XIX” lembra Dominic Roye. A confirmación da pegada antropoxénica confirmouse en xaneiro de 2023 cando se coñeceron os estudos da petroleira Exxon sobre o aumento da temperatura global e a súa relación con combustibles fósiles. A empresa ocultou estes informes, “que acertaron de pleno”, durante décadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta