Temas: IMAXE

MERCÉ DE RANDE: O meu lar som eu

Foi-se com 17 anos como dizia Manuel Maria “a percorrer o mundo, olhar tudo o que existe, apalpar, probar e comprobar quanto está ao meu redor”, leva na sua sinatura o nome da ponte de Rande, no coraçom Goiam e Vigo. Mercé de Rande mostra-nos as suas faces mais actuais sem medo a ensinar alguma cicatriz e os seus logros conqueridos com esforzo, carros de creatividade, valentia e um inmenso sorriso.

Por Cobrantas - Ugia Pedreira | Galiza | 21/04/2015 | Actualizada ás 10:06

Comparte esta noticia

Paises, mestres de renome, projectos vários, colaboracións mil e relacionamento com artistas internacionais que debuxaron o que hoje é, uma das artistas mais interesantes multidisciplinares que moram fóra da Galiza, adoptada por uma Suiza verde e fria que a está apoiando na sua andaina com a experimentaçom das artes. Uma trotamundos que leva na pele tatuada a sua identidade, crítica, questionável, anti-norma e anti-forma, irreverente, se fai falha irritante. Os seus projectos no pais ainda cheiram. Aqui, tivem a sorte de aprender muitas coissas de movimento com ela, dançou em Marful no “Meu Pirinho”, partilhou conversas com Henrique Peón ( muito deverom dar-se entre o contemporaneo e tradiccional), chantou as tradicionais zocas galegas na danza e fiou um caos de plásticos com tudo o aprendido grazas á antiga Nasa. De Rande é uma de tantas galegas que se dí ferida polo “desterro” e filha da Terra.

552139_396151673825712_999837618_n

Mercé de Rande, de Vigo ao mundo e sem deixar de trotar?

Bon, non tanto... xa me cansei de trotar, agora prefiro o verbo camiñar, ando aminorando o ritmo porque xa recorrín bastante. Agora interesame máis profundizar, estadías máis longas para recorrer sen presas.

Mercé quando nos conhecimos foi sobre o 2007 no projecto de Dobre Giro (Vigo) cum espectáculo chamado Laradas. De aí até hoje muito andaches e corriches e pousaches também. Quero dizer fixeches o teu próprio itinerário formativo e experiencial de vida estudando en Madrid, Lisboa, Toulouse, Montpellier convidada por Mathilde Monnier etc...fazendo retrospectiva tas em época de reaprender, deconstruir, asentamento, dinamismo estático...?

Uf! jajajaaja, que lapsus, corrixo: cando nos coñecimos foi nalgun momento entre 1996-97 fai agora case 20 anos!!

RECONSTRUIR, ASENTAR E DIXERIR O APRENDIDO, continuar aprendendo do mundo, alimentar e traballar no meu universo creativo e seguir recorrendo os camiños da vida e da arte.

552139_396151673825712_999837618_n

Suponho que o que te marcou foi o passo por Movement Research de Nova Iorque e polo Master de Scuola Teatro Dimitri em Verscio. Concretamente explica-nos o que foi esta especializazom en teatro físico.

Foi unha necesidade cando me din conta que sendo creadora das artes do movemento, en realidade non estaba tan interesada en traballar con "bailarins" senon con intérpretes; capaces de moverse nun amplo rexistro, cun vocabulario neutro e desenvolto a nivel personal. Comecei cunha formación de teatro-danza en Madrid, desviándome inmediatamente cara a danza contemporánea e rematando no Movement Research de Nova Iorque, que foi peza esencial para concebir o movemento dende o meu propio motor de búsqueda físico. Ao concluir todo este recorrido, cheguei a conclusión que precisaba regresar ao teatro, para revisar conceptos e manexar unha linguaxe apta para bailarins e actores, para ser comprendida por ambos cando dirixo. Este terreo mixto do teatro físico, que enfoca a expresión dende o movemento, en detrimento da palabra, comezou cunha compañia que leva décadas sendo referente mundial. Como non entraban correctamente na definición do que era a danza contemporánea, tiveron que inventar esta definición do "physical theatre". Un dos fundadores deste grupo, DV8, foi un dos mellores mestres que tiven en toda a formación, unha experiencia que marcou o meu desenvolvemento físico e intelectual, un privilexio aprender con él danzando, suando, conversando e escoitando aquel intenso proceso da sua propia boca e ainda poder debatilo él. Depois cando comecei a dirixir, dinme conta que o meu terreo era un lugar de confluencias... precisaba profundizar nos aspectos que definen a danza contemporánea, teatro físico o performance, un debate que ainda hoxe é polémico, incluso a nivel académico. E canto máis esas barreiras que as definen se difuminan, máis inspirador resulta para min como eido no que abonar o meu traballo.

552139_396151673825712_999837618_n

Quantos anos levas jà em Zúrich como residéncia? Parece que cada vez fas mais coissas na cidade e no pais?Cómo é o teu dia a dia ali, cómo expremes as tuas obras e o tempo.

Levo 13. Sain de Vigo con 17 anos e teño medo de tér unha crise de identidade si paso mais de 17 anos en calquer lugar do mundo que non sexa Vigo, polo tanto estou replantexándome o lugar de residencia outra vez... Ao mesmo tempo, estes anos de investimento nun país tan inflexibel e competitivo non son doados de pechar; aquí as cousas levan moito tempo, non hai escaladas nin atallos posibles, todo se fai pasiño a pasiño, con boa letra e muito cuidado... Curiosamente, apenas agora comezan a chegar os froitos desa inversión. Estes son os retos da vida, cando pensas que xa nada funciona e queres tirar a toalla de repente todo o esforzo valeu a pena.

O meu día a día... estasme a preguntar pola miña rutina? Porque iso xusto é o que non teño. Ainda asi hai unha certa normalidade: crear, ensaiar, ensinar, dirixir, colaborar e viaxar, son as miñas actividades principais. Depois cada ano é un mundo, cada mes un reto e cada día unha sorpresa. O ano pasado como coreografa residente na Tanzhaus de Zurich paseino fechada, no estudio ensaiando, no ordenador traballando, na escea actuando... faltoume o ar! mas tamén permitiu asentar un pouco, menos viaxes e disfrutar máis da cidade, coñecela máis a fondo. Este ano é de inversión, moito traballo cos productores, e tambén no social cun proxecto que estou desenvolvendo para o departamento de integración da cidade. Un día calquera podo pasar a mañan sintonizando corpo e espíritu, a tarde traballando cas máns, bricolando nas miñas instalacións, pintando, editando fotos... depois ensaiando ou traballando na producción e logo na calma da noite mergullando nas miñas investigacións, escribindo e lendo sobre a temática que esté traballando, e ainda deixar un último intre na noite para voltar ao corpo-espíritu.

Mercé leo o teu curriculum e nom som quem de contar para Galicia Confidencial quanta energia e vidas vividas polo motor que é o movimento em maiúsculas. Travalhaches em Japom, em Finlandia, em Açores, em Alejandria... com qué projecto te quedarias destes 2013, 2014 bem carregados e generosos para ti?

Sen lugar a dúbida quedome com dous:

Lost & Dead in Thunderland (das Tebras as treboadas): a miña nova creación híbrida de performance, danza, arte sonora... é a primeira creación que fago fora das esixencias da producción, ao meu ritmo, cun fantástico equipo que me entende e complementa. Acompañada do músico Enea Mangili que se converteu no meu grande compañeiro artístico a través deste proxecto; que nace do meu corazón, de temas que me intrigan dende fai moitos anos, intimo, sincero sen máscaras e sobre todo sen expectativas do comercial ou convencional, sinto que a miña trans-disciplinariedade conflue, profundiza e madura.

DEADLINE é unha performance co-creada entre Mohamed El Hagrasy e eu, Mohamed é un gran actor e director exipcio co que estou desenvolvendo unha linea de traballo entre o teatro e a performance dende o 2012. Este traballo ademáis conmoveme totalmente e tocame todas as fibras sensibeis. O tema é a luta contra a desmotivación nun mundo des-humanizado, escravizado, globalizado como é o noso, ambientado no Exipto de hoxe e evidentemente influenciado pola primavera árabe. Unha lección ao mundo enteiro dende Exipto, que ainda hoxe estan pagando, nun país que non deixará nunca de ser refente cultural.

552139_396151673825712_999837618_n

Desde que travalha-ches com Georges Gagneré na Filature parez que tiveches como uma bendizom, com entraches noutra dimensom, trabuco-me nisto? Qué tanto se moveu aí?

Si e non nada é tan claro e todo ten muitos matices, despois pasei por unha época de obrigada renovación que viña ao carón da crise mundial. Europa xa non era quen de producir nen mover pezas tan diverxentes do formato standard. O traballo que estabamos a facer era dalgun xeito tan innovador que ainda hoxe hai poucos teatros capacitados para acoller unha producción con tal uso de tecnoloxías. Normalmente eramos 2 artistas en palco e 10 técnicos na sala, por poñer un exemplo do atípico. Francia tiña a vantaxe de asumir riscos na creación e producción, porque tamén teñen moita historia de experimentación e polo tanto moi desenvolta a capacidade de resposta, mesmo así a EU entrou na regresión e Francia tivo que recortar e centrarse no comercial de consumo asegurado, unha política imposta pola EU.

Re-comecei por min co master e despois introducindo a miña compañía en Suiza, creada na Galiza. Tiña que ser capaz de crear dende aquí, cas estructuras suizas muito máis esixentes e tamén máis eficaces, establecer novas redes, explorar outras formas e emprender novas colaboracións. Igualmente entrei nunha nova dimensión, porque George me ensinou moito, vindo dunha cultura coma a nosa da desvalorización, foi un bálsamo e unha terapia traballar nos Teatros Nacionais de Francia cas mellores condicións. Sendo necesaria para un director que me valoraba, e que polo feito de confiar no meu talento empurrabame a asumir retos que se non fose pola súa convincción nas miñas capacidade eu nunca tería asumido. Esa é a gran lección: os límites poñemolos nós na nosa cabeza.

A multidisciplinariedade das artes no teu caso é obvia e natural. Atualmente cómo te atopas nesta pangea artística e por donde viaxas mais?

É unha etapa positiva comezan a acontecer cousas polas que levaba tempo loitando. Consciente do meu recorrido, agora podo comprobar que todo o que fixen tivo unha razón de peso. Cando o teu percurso sae do standard tes que aprender a relativizar as críticas dos que seguen as liñas definidas pola sociedade do poder. O medo a sair do coñecido leva a confrontar aos que dalgunha maneira saímos dos cánones. Actualmente son feliz neste universo creativo no que todo conflue, basado principalmente no traballo co corpo, a imaxen e o son. Sempre me estimularon as converxencias, como mexe un son? ,escoitar un movemento, exprimir unha imaxen co movemento... a transdisciplinariedade é un camiño obvio no desenvolvemento da arte contemporánea, eu son dunha xeración fronteira, antes todo isto non era tán evidente cando hoxe en día é obvio para calquera. Agora é cando teño a capacidade para asumir novos retos, por exemplo en Lost & Dead in Thunderland estou entrando no mundo da arte sonora sorprendome a min mesma e iso é para min requisito imprescindíbel. Debido a este proxecto ultimamente viaxo máis polas culturas do Atlántico, facendo unha especie de peregrinación Atlántica con Enea. A semán que ven vou a Suecia, para unha colaboración e aproveito que estarei a apenas 2h do maior xacemento de petroglifos da EU. Os petroglifos son a base do meu novo solo Lost & Dead... Nos Azores estamos con este mesmo proxecto levantando capas de experimentación, estivemos en xaneiro e voltamos en xuño a actuar na Fabrica Museu da Baleia, depois dun periodo de residencia.

E continuo con Exipto, dende 2010 é un referente, polo festival de Alexandria de escritura coreografica, que co-produce meu novo proxecto, máis tamén pelas colaboracións con Mohamed. Exipto fasciname como fascina a medio mundo, sobre todo Alexandria tenme namorada pola ebullición cosmopolita e cultural, un bafo de arte fresca, lonxe do consumismo occidental.

552139_396151673825712_999837618_n

Sempre me chamou a atenzom desde que te conhezo a quantidade de escrita e leitura que realizas antes duma obra, chamou-me a atenzom por complicidade pois para mim também é esencial. Quais som os teus intereses de hoje arredor da filosofia do que se chama danza ou quizás nom, ou algo assim?

Actualmente estou máis virada para as filosofías orientais ou as relacionadas con culturas ancestrais enfocadas no desenvolvemento do espíritu, o corpo se expande a través do espíritu. Depois de tanto mergullar no traballo co corpo cando chegas ao mais profundo só queda a alma, a unica que verdaderamente transcende. Vivir na “coerencia” entre alma-corpo-espíritu pareceme actualmente muito mais rico e necesario que continuar filosofando sobre as políticas do corpo, a identidade, xénero ou a "crise" xenerada. Ando pouco interesada pola élite do pensamento da danza occidental, sintoo como un grupiño de burgueses tratanto de darnos de beber da palliña do que consideran politicamente correcto, mais interesados na imaxen que proxectan que no conteúdo, falando unha lingua rica en tecnicismos que se desactualiza constantemente. Non me interesa o paripé, froito desta sociedade da inmediatez, do poder da imaxen e do fascismo do consumo que considero patético... Creo que un petroglifo ten moito máis valor e significado, por poñer un exemplo... Antigamente a danza era muito máis relevante para o ser humán, era unha vía de comunicación entre o humano e a divinidade. Hoxe en día o pouco que queda de divino é a pose da élite que se presenta para figurar.

A tua relazom com Galiza foi patente com a creazom da tua companhia o projecto Zocas (ainda quedam reminiscéncias por aí) e "Fiando o caos" que apoiou a Nasa. A tua relazom com Galiza profesionalmente como vai? Emocionalmente como está?

Mais emocionalmente ca nunca... Intensa Galiza! Gracias ao festival Alt de Vigo, ao seguimento do meu traballo e ao apoio que teño deles na miña creación actual, ainda teño unha certa visibilidade. Parece que existe unha tendencia a desterrar da danza galega aqueles que optamos por outra solución, con todo o risco que eso conleva, e ca única excusa de que xa non estamos, como si a abandonáramos (ainda non entendín a quén abandonamos), como si deixasemos de ser galegos por eso, ou como si non houvera avións para ir e vir... É a cultura da emigración, quen ten a coraxe de partir, acaba por receber antes ou depois o pago do desterro. Galiza é a miña orixe, pero o meu lar son eu. A miña personalidade artística tén un forte arraigo galego, misturado cas influencias contemporáneas que fun recollendo polo mundo. Os meus intereses personais e artísticos lévanme a seguir traballando ca cultura galega, a levala polo mundo sen crear un discurso nacionalista ou limitante. O universo é diverso. Amosar e traballar na nosa diversidade non é retrogrado é riqueza.

Chámame sen embargo a atención, ter máis posibilidades de distribución do meu traballo en lugares máis remotos aos que vou e veño sen problema. Gustaríame traballar máis na Galiza, chegar a outras estructuras, aportar co meu recorrido na educación da arte contemporánea. Sin embargo sinto unha desactualización na Galiza co que fago, un facto sintomático é que até día de hoxe e case anualmente, recebo ainda algún convite para presentar Proxecto Zocas... houbo moitisimo traballo e evolución dende esa miña primeira producción... pero Proxecto Zocas parece ser a única referencia a nivel "galego xeralizado" do meu traballo.

552139_396151673825712_999837618_n

Nom che vou a perguntar como vês o panorama da danza de aqui desde aí porque na minha opiniom som das que pensa que o prisma jà tem que ser bem diferente polo feito de que manter montes e terras aqui diariamente é totalmente distinto a atende-los de vez em quando, ainda arrendados e vixiados. Entom, gostaria saber se tu quixeras dizer ;-) qual é a situazom real dum artista multidisciplinar coma ti para poder sobreviver (necesidades básicas) ? Ir a festivais, fazer um projecto próprio, cómo vender-se, comunicar-se? Será pola minha ignoráncia mas sempre me pareceu árduo, de valentes e supercomplicada a vossa, a tua condizom.

Cando comecei na Galiza non habia practicamente productores, e menos ainda dispostos a apoiar unha creadora fora da norma. A partir da nominación como coreografa oficial en residencia da maior estructura en danza contemporánea de Zurich, unha das mais importantes de Suiza, e de Europa, as cousas mudaron bastante. Fun a primeira coreografa que non sendo suiza e non tendo traballado con compañias famosas, conseguia polos meus propios méritos éste título. Foi unha demostración do crédito oficial no meu traballo e iso deume visibilidade neste pais. A partir de aí comezan a abrirse as portas, as necesidades básicas como ter un espazo, unhas condicións dignas, a chegada dos productores. Por fin comezo a ter xente na que delegar, unha equipa coa que compartir as miñas inquedanzas, que me entende e apoia dende o interese común e non pela convenencia persoal. Dende 2013 son anos de CONSTRUIR e de invertir, e todo esto leva tempo antes de poder ver os froitos. Xestionar unha estructura de creación "fora da norma" leva máis esforzo que a convencional, porque para ésta xa existen unhas vías. Prefiro suar como unha loba abrindo camiños no meio da selva, que seguir percorrendo o sendeiriño batido dos que non queren cuestionar o paradigma establecido, porque claro que eso dá muito “chollo”.


Ugia Pedreira - Cobrantas

Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e ex-diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade.

Máis artigos de Ugia Pedreira aquí.

Temas: IMAXE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta