GC Aberto

Opa, Senador!

En Ferrol, trece é mal número se non decrece, porque as maiorías absolutas son moi perigosas para calquera governo democrático. Ter que acordar sempre supón unha cura de humildade. E en Ferrol xa teriamos que estar sabidos pois o Rey xa exerceu de alcalde absolutista do 2011 ao 2015, cárrego do que marchou para ser nada menos que Member of the Parliament of Galicia deica este ano, como ben di a sabichona wiki.

Por admin | Ferrol | 08/08/2023

Comparte esta noticia

IOLANDA TEIXEIRO REI

José Manuel Rey Varela. PP
José Manuel Rey Varela. PP | Fonte: Europa Press

Mais malia a se manifestar estes días na prensa estar entregado en corpo e alma a Ferrol, a min, como ferrolana, preocúpame a súa saúde física e mental ao confesar que traballa de luns a domingo. Que clase de extrapoderes fan que unha persoa que fixo precampaña e campaña mentres era deputado autonómico, vicesecretario do PP de Galiza e presidente do PP de Ferrol teña azos para aceptar ser tamén senador?. E que os populares non teñen outras persoas capaces para repartir os cárregos?E que Tellado, Juncal e Casal non dan pancada?. Que estrana lei permite compatibilizar cárregos políticos de tanta responsabilidade e, en cambio, presume dun réxime de incompatibilidades dos funcionarios, por exemplo?. Se incluso en familias de plantas anxiospermas -como é de todos sabido- o sistema de incompatibilidade evita a endogamia e favorece a polinización cruzada!.

Non acabo de entender como un alcalde que tanto fixo por Ferrol e o ferrolanismo pode aceptar ser a un tempo senador malia que o faga renunciando ao soldo de alcalde e sacrificándose a recibir só os ingresos de senador.  Pese a que o faga por ter acceso directo a altos cárregos e ministros e confensarnos o importante que é estar perto de quen toma as decisións. Supoño que como avogado que é non se lle escapará o significado  de conceptos como, trato de favor, nepotismo, trafego de influencias ou corrupción política.

Porén, non sei se esa cidadanía coa que fixo o contrato de cambio, esa cidadanía á que lle vendeu ese ferrolanismo do Opa Ferrol coa súa promesa de deverse aos intereses de Ferrol por riba incluso dos de partido, vai ver con bos ollos a súa tocata e fuga nada máis termar do bastón de mando. Non sei se os usuarios e traballadores da biblioteca principal (e única) poderémonos contentar cuns pouco becarios para parchear a situación deica fin de ano. Non sei se o señor dos Trihalometanos poderá compensar a non remunicipalización da auga poñendo xogos de auga no Inferniño sen reparar en que Aquaciencia segue pechada no parque Raíña Sofía. Non sei se prometendo zonas verdes en cinco barrios vai facer esquecer a morte do pulmón verde do Sánchez Aguilera. Sobre todo se esas zonas verdes son microparques como o de Jorge Borrow ou se co que aforre nas lámpadas led vai ser quen de enchufar o ascensor da Costa de Mella. Pode que grazas ao seu Plan de Apoio á Natalidade cando exercía de Conselleiro de Política Social teña que abrir máis escolas infantís das que falava en campaña e Ferrol sexa quen de frear o avellentamento povoacional de Galiza. Quen sabe! Porque calquera cousa é posibel para quen cre que a cidade da seguridade non é aquela onde haxa menos fenda salarial senón aquela que presuma de policía de barrio. Aquel para quen a semana máis importante do ano non é aquela na que todos os ferroláns poidan ter pan e teito senón a da Semana Santa. 

Se cadra aquilo de selar un gran pacto con Ferrol que Rey prometía en campaña non era o que os seus votantes coidavan. Se cadra aquelo do Opa Ferrol co que os carros eleitorais boureavan nas rúas alporizando as gueivotas dos tellados máis ca unha exclamación de azos para nos erguer era, como en brasileiro, unha expresión de espanto ou arrepío. Ou pode que somentes espellara unha opa hostil, unha oferta pública de adquisición ou unha intumescencia de orixe duvidosa que permita dilatalo todo, os tempos, as distancias e incluso o bo senso.

Eu, co voso permiso, vou seguir lendo A festa da insignificancia do recén finado Kundera.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Buscando na rede, a autora do artigo resultou ser "ecofeminista" LiGanDo https://www.lavozdegalicia.es/notic... Está ben sabelo...

1 Gamela

Lembrar que foi a Semana Santa ferrolá quen fixo Ministra de traballo á unha tal Yolanda... e sobre o exceso de cargos temos outro insigne exemplo na Marquesa de Toralla, que sendo Presidenta do PSdG tamén cobra pola Tenencia de Alcaldía de Vigo, e non renuncia a ela como Opa Ferrol, senon que va sumar o soldo de Senadora... e a vivir que son dou días... Seica o "femnismo" de salón o soporta todo nestes tempos de mudanzas...?