Nova convocatoria de axudas para contratar coidadores de gando como medida de prevención ante os ataques do lobo

A Xunta de Galicia destina 370.000 euros para atender as solicitudes que cumprindo os requisitos se quedaron fóra das primeiras axudas por falta de financiamento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2023 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia destina 370.000 euros á contratación de persoas coidadoras de gando como medida de prevención ante os ataques do lobo. Así o confirmou este mércores a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante unha visita á explotación Gandería Os Bravos SC. Alí destacou que o Goberno galego incrementou en 216.000 euros a partida inicialmente destinada a esta iniciativa para atender todas as solicitudes presentadas.

Tal e como detallou, o pasado mes de maio publicáronse as bases reguladoras destas axudas para os anos 2023 e 2024. A resolución desta convocatoria, en xullo, atendeu nove solicitudes por un importe de 154.000 euros, quedando fóra da concesión outras 12 peticións que cumprían os requisitos esixibles na convocatoria e que suporían un total de 216.000 euros.

Así, ante o interese económico e social espertado pola medida, a Administración autonómica decidiu conceder as axudas solicitadas que, cumprindo os requisitos e superando o procedemento de concorrencia competitiva, non puideron beneficiarse desta liña de financiamento por esgotamento do crédito dispoñible.

Desta forma, a Xunta destinará un total de 370.000 euros a esta iniciativa que ten como obxectivo axudar ao sector gandeiro en extensivo na contratación de persoal para desarrolar tarefas de pastoreo e manexo de reses co fin de protexer, "na medida de posible", aqueles rabaños máis sensibles e susceptibles de sufrir un maior risco de predación.

Con esta medida excepcional trátase de cumprir o obxectivo establecido polo Plan de Xestión do lobo en Galicia de alcanzar unha integración entre as indemnizacións por danos e a adopción de medidas preventivas nas explotacións afectadas.

Coidadores de gando
Coidadores de gando | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta