Coñece os puntos máis conflitivos nesta ponte do 15 de agosto

Tráfico inclúe no seu plan especial 38 puntos conflitivos en estradas.

Por Europa Press / Redacción | | 10/08/2023 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) porá en marcha desde este venres, 11 de agosto, ás 15.00 horas, unha nova operación especial con motivo da ponte do 15 de agosto, que se prolongará ata as 24 horas do próximo martes.

Durante este cinco días, Tráfico prevé que se produzan ao redor de 1.368.000 desprazamentos na zona noroeste, nas comunidades de Galicia, Asturias e Cantabria. Supoñen o 16% de todos os movementos esperados a nivel estatal, que serán uns 8.550.000 tanto de longo como de curto percorrido por todas as estradas da xeografía nacional.

Ademais dos desprazamentos de saída e retorno polo cambio de quincena, a DXT engade que se unirán os que se realicen a poboacións do litoral e praias ou zonas de segunda residencia.

No plan articulado pola DXT para esta ponte figuran 38 puntos conflitivos nas vías galegas, entre elas infraestruturas de relevancia como a AP-9, a A-6, a A-8, a A-55, a A-52, a AG-56, a N-550 e a N-120.

Por provincias, na da Coruña hai 17 puntos conflitivos por posibles retencións, entre eles seis na AP-9 (o acceso á cidade herculina, a peaxe de Cecebre, o de Teo en sentido Santiago e o acceso a Ferrol), a AG-11 entre Ribeira e Padrón, o acceso de Santiago desde Noia na AG-56, e a AG-55 entre A Coruña e a Costa da Morte.

En Lugo, hai cinco entre os cales a DXT inclúe o tramo da A-6 cortado pola reparación do viaduto de Ou Castro. Por isto mesmo, Tráfico prevé retencións na N-6 nesa mesma zona en Pedrafita do Cebreiro, mentres que tamén avisa de posibles néboas na A-8, entre Mondoñedo e Abadín.

En Pontevedra, contabilízanse 13 puntos conflitivos, como retencións na A-52 no Porriño, na A-55 na entrada a Vigo e dúas na AP-9, concretamente a saída á Autovía do Salnés (AG-41) e na Ponte de Rande, neste caso por obras. A DXT tamén pon o foco na VG-4.1, entre Sanxenxo e A Lanzada, e na Autovía do Morrazo (AG-46).

Finalmente, na provincia de Ourense hai tres puntos conflitivos, entre eles a N-120 á altura da capital e en saídas cara á A-52, por retencións e tráfico intenso.

Retencións na AP-9 nunha imaxe de arquivo / EP / Europa Press
Retencións na AP-9 nunha imaxe de arquivo / EP / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta