A Lérez Up, o evento de videoxogos e 'cultura friki', regresará a Pontevedra os días 26 e 27 de agosto

O evento, que o ano pasado reuniu a máis de 3.500 persoas, contará con 60 postos de pequenos creadores, torneos e concursos de cosplay.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 14/08/2023 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O Recinto Feiral de Pontevedra acollerá os días 26 e 27 de agosto a segunda edición do Lérez Up, un evento que mesturará torneos de videoxogos, xogos de mesa, cosplay, karaoke, xogos indie, grafiti, manualidades, mangas e animes.

O pasado verán a Lérez Up reuniu a máis de 3.500 persoas na súa primeira edición e nesta nova ocasión volverá converterse nun punto de encontro de diferentes asociacións que ofrecerán un abanico de actividades para todos os gustos. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da edil de Novas tecnoloxías, Anabel Gulías, e as portavoces da asociación pontevedresa organizadora do evento Gaming Troop, Rocío Fernández e Sonia Piñeiro, presentou este luns desde o local da agrupación esta Lérez Up.

Lores asegurou estar "encantado" de que Pontevedra volva acoller esta iniciativa ("só podo manifestar o meu agradecemento", dixo) e trasladou aos integrantes do Caming Troop por "ser capaces de pór en marcha citas como esta". O alcalde lembrou que o pasado ano quedou "asombrado" pola participación nesta Lérez Up de "tanta xente nova, e non tan nova, non só de Pontevedra, senón de toda a comarca e que quedaron encantados".

TORNEOS DE VIDEOXOGOS

Nesta segunda edición, os fans dos videoxogos volverán loitar en torneos como o do 'League of Legends' ou 'Valorant', que xa levan unhas semanas na súa fase previa en liña. Non pode faltar o torneo estatal de 'Smash Bros. Ultimate', que conta nestes momentos con 100 xogadores inscritos procedentes de toda España e Portugal.

Aproveitando o éxito que tivo na primeira edición, este 2023 manterase a zona de consolas e ordenadores para xogo libre. Os asistentes poderán probar e retarse entre eles coa ampla variedade de videoxogos como o 'Teamfight Tactics', 'Tekken 7', 'Switch Sports', 'Mario Strikers', ou o novo 'Street Fighter 6', entre outros, que contarán con torneos de pequenas dimensións.

Para os afeccionados ao cosplay, repetirase o exitoso concurso onde se premiará á mellor caracterización dunha personaxe, valorando a súa actuación, vestimenta e representación. Ademais, o xurado impartirá charlas sobre o mundo do cosplay con consellos e técnicas para iniciarse neste ámbito.

Así mesmo, o evento terá máis de 60 postos formados por pequenos creadores que exporán a súa obra e traballo para os máis fanáticos da arte, da ilustración e a artesanía. A Lérez Up bateu unha marca de demandas nesta edición, duplicando a capacidade dispoñible en tan só dez minutos desde a súa apertura.

Ademais, a zona de descanso contará con varias 'foodtruck's de cociñas locais no interior do Recinto Feiral e tamén haberá unha zona indie máis completa, onde se promocionarán ata 9 videoxogos creados por estudos independentes e unha zona exclusiva para talleres.

Na programación resaltan a cantidade de charlas, que se centrarán no desenvolvemento de videoxogos, a autoedición, modelación e patronaxe, ou a xestión do proceso creativo. Nomes como Paula Cheshire, Victor Develops, Luzbel ou AngryYuna compartirán as súas experiencias co público, fomentando un entretemento máis didáctico.

Unha persoa co teclado dun computador
Unha persoa co teclado dun computador | Fonte: Eduardo Parra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta