A alerta laranxa por calor esténdese este martes a todo Lugo e Ourense e ao interior da provincia da Coruña

A zona de Valdeorras continuará este mércores en nivel máximo de aviso mentres se rebaixa a alerta no litoral atlántico.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2023 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

A alerta laranxa polas altas temperaturas que deixa a onda de calor que afecta a Galicia esténdese este mércores a todo o territorio das provincias de Lugo e Ourense, así como o interior da provincia da Coruña. Pola súa banda, a zona de Valdeorras permanecerá en máximo nivel de aviso, que se rebaixa na costa atlántica ante o descenso das temperaturas que se producirá durante a madrugada.

A Xunta actualizou na tarde do martes os niveis de alerta para o mércores ante este episodio de calor que deixou máximas de máis de 40 graos centígrados en varios puntos da provincia de Ourense, cun pico de 42,9ºC en Vilamartín de Valdeorras. Esta comarca ourensá continuará o mércores en nivel vermello de alerta por altas temperaturas. En laranxa, segundo chanzo de aviso, estará todo Lugo, o resto da provincia de Ourense con excepción da citada Valdeorras e o interior da Coruña, zona que abarca unha trintena de municipios.

Pola súa banda, pasa de laranxa a amarelo o litoral atlántico, onde a baixada de temperaturas durante a madrugada aliviará a situación de calor. Así pois, espérase outra xornada de máximas por encima de 40 graos no Miño ourensano e en Valdeorras, mentres que boa parte da Comunidade galega excederá os 34ºC. Para o xoves agárdase o inicio do descenso das temperaturas, especialmente as máximas, que unicamente marcarán rexistros por encima dos 36ºC nos puntos máis calorosos de Ourense. O mercurio manterá a súa tendencia á baixa de camiño á fin de semana.

PLAN DO COMITÉ DE COORDINACIÓN

O plan do comité de Coordinación para episodios de calor, operativo desde xuño, establece as medidas necesarias para reducir os efectos das altas temperaturas na saúde, así como os sistemas de previsión, alerta e comunicación, e prevé a sistemática de intervención segundo os niveis de alerta. Ademais, tamén establece as canles de comunicación entre os departamentos autonómicos implicados.

Deste xeito, a Dirección Xeral de Saúde Pública comunica a situación de alerta ao Sergas, ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia e á Consellería competente en Política Social e Xuventude para a activación dos seus protocolos específicos.

CONSECUENCIAS DA CALOR NA SAÚDE

Segundo lembrou a Xunta, a exposición a altas temperaturas pode provocar mareos, cansazo, debilidade, fatiga, cambras musculares, síncopes, deshidratación, insolación ou golpe de calor. Así, pódense alterar as funcións vitais se o corpo non é capaz de compensar as súas variacións de temperatura.

A calor excesiva pode producir perda de líquidos e de electrolitos, que son necesarios para o funcionamento normal dos órganos. Os mecanismos de termorregulación poden verse descompensados en persoas con enfermidades crónicas ou con certas discapacidades, e as persoas maiores ou os nenos moi pequenos son máis sensibles a eses cambios.

RECOMENDACIÓNS

Ante esta situación, a Consellería de Sanidade trasladou unha serie de consellos á poboación: beber máis líquidos do habitual sen esperar a ter sede, evitar bebidas quentes ou alcohólicas, comer verduras e froitas e evitar as comidas copiosas, usar roupa lixeira de tecidos naturais, cores claras e folgada, usar chapeus, lentes de sol ou aplicarse crema solar protectora.

Tamén aconsella o emprego de calzado cómodo e transpirable, permanecer en espazos ventilados ou acondicionados no interior de edificios, baixar as persianas das vivendas durante o día (abrilas de noite para ventilar e refrescar), ou darse unha ducha ou baño tépedo nos momentos de calor máis intensa.

Ademais de eludir as concentracións de persoas en locais sen aire acondicionado, Sanidade recomenda evitar saír ao exterior nas horas de máis calor, reducir a actividade física, buscar as zonas de sombra e non deixar animais, nenos ou persoas maiores no interior de coches estacionados. Na praia, recoméndase evitar as horas centrais do día, non quedar durmido ao sol, e utilizar as cremas de maior factor fotoprotector (nunca inferior a 15 FP).

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informou da situación aos concellos das provincias afectadas; deputacións; servizos provinciais; e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, espérase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Termómetro nunha parada de bus de Ourense o pasado 8 de agosto
Termómetro nunha parada de bus de Ourense o pasado 8 de agosto | Fonte: Rosa Veiga

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta