O lobo: unha especie desprotexida, demonizada e esquecida polas administracións galegas

A caza foi a principal arma que usou o Goberno galego para o control da especie, xa que tamén contribuía a calmar os ánimos dos gandeiros, pero foi usada de maneira errónea. Matar lobos non diminúe os ataques ao gando. Cantos máis lobos se maten máis aumentan os danos á gandaría, xa que non se ten en conta a xerarquía da manda para realizar as cazarías.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 27/08/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O lobo, ese animal maxestuoso que vive no imaxinario de todos os galegos. Pode que a maioría da poboación nunca vira un na súa vida, pero é innegable que en Galicia 'habelos hainos', e que os rodea unha aura de espectacularidade: entre o temor e a admiración. Este cánido leva convivindo cos humanos dende a súa orixe, pero as relacións para con eles non sempre foron boas. A medida que as persoas se asentaron en poboados e comezaron a criar ao gando, os reiterados ataques do cánido foron obxecto de controversia. Unha controversia que chegou ata os nosos días.

Caza de lobos
Caza de lobos | Fonte: COORDINADORA ECOLOXISTA - Arquivo

Os ataques ao gando conlevan perdas económicas e xeran conflito cos gandeiros. Isto é algo que non só sucede en Galicia, pero que no noso territorio, debido ás súas características xeográficas únicas, pode que suceda con maior frecuencia. Para evitar que a poboación remate por considerar aos lobos un inimigo ao que destruír, dende as administracións plantexáronse unha serie de medidas, alo menos na teoría, pois a práctica xa é outra cousa. Así se expón no traballo de fin de grado en Bioloxía de Berta Inés Bernárdez Bugallo, da Universidade da Coruña (UDC).

O 'Plan de xestión do lobo en Galicia' entrou en vigor en xaneiro de 2009, e estará vixente ata que se consigan os seus obxectivos. Cales son? Por un lado, conseguir a coexistencia entre o lobo e os gandeiros; manter unha poboación estable coma a actual, seguila e estudiala; reducir a conflictividade polos ataques, compensando económicamente aos gandeiros e prevíndoos; promover a especie como recurso económico e así mellorar as condicións socieconómicas das poboacións locais; aumentar o coñecemento e a tolerancia de face ao lobo; e, finalmente, lograr que todos os sectores implicados participen e asuman a súa corresponsabilidade na xestión da especie.

Todo isto está moi ben, pero cales destes puntos chegaron a cumprirse realmente? Únicamente aqueles relativos ás matanzas e ás indemnizacións aos gandeiros que sufren ataques. E é que o territorio galego neste plan divídese por zonas de incidencia en tres niveis: no tres, onde é máis prioritario actuar, a Xunta debería planificar o control poboacional do lobo despois de levar a cabo as evaluacións técnicas correspondentes cos danos sobre a gandaría, realizando tamén controis puntuais cando houbese danos recurrentes; e no dous, os propios gandeiros que perdan gando polos ataques do cánido poderán solicitar ao Goberno galego matanzas de lobos.

SEGUNDO A XUNTA NON HOUBO MORTES DE LOBOS EN BATIDAS DENDE 2013

Un cachorro de lobo Hendrix
Un cachorro de lobo Hendrix | Fonte: Christina Hansen

Así as cousas, a día de hoxe, a Xunta non facilita os datos sobre as batidas que autorizou no territorio galego, nin tampouco o número de lobos falecidos por envenenamento e furtivismo, que non son poucos, de seguro. Xa no seu momento saíran informacións en prensa que apuntaban a que os datos oficiais da Xunta dicían que non se capturara ningún lobo en batidas autorizadas pola Administración dende 2013. Sen embargo, calcúlase que entre furtivismo e accidentes falecen 200 destes animais ao ano

E aínda que o censo existente na actualidade remóntase a entre 2013 e 2015, é do que hai que botar man para facerse á idea. No ano 2015 había en Galicia 90 mandas reprodutoras de lobos, das cales o 15 % (14) estaban compartidas con Asturias (3), Castela e León (6) e Portugal (5). As 90 mandas, distribuídas por todo o territorio galego de forma uniforme, estaban compostas por uns 700 lobos, o cal supón que cada unha tería entre sete e oito individuos.

A ESTRATEXIA PARA A CONSERVACIÓN E XESTIÓN DO LOBO DO GOBERNO CENTRAL PROHÍBE A CAZA

Foi no ano 2020 cando o Goberno de España presentou o borrador para a Estratexia para a Conservación e Xestión do Lobo, que propón a súa inclusión no listado de protección especial, o que implicaría que o lobo deixase de ser unha especie cinexética, e igualaría o seu 'status' de proteción en toda a península. Como cabería esperar, este borrador non foi ben recibido por parte dalgunhas comunidades, entre elas a galega, pois impedía realizar actividades que ata aquel intre estaban permitidas, coma a caza.

A caza foi a principal arma que usou o Goberno galego para o control da especie, xa que tamén contribuía a calmar os ánimos dos gandeiros, pero foi usada de maneira errónea. Matar lobos non diminúe os ataques ao gando. Cantos máis lobos se maten máis aumentan os danos á gandaría, xa que non se ten en conta a xerarquía da manda para realizar as cazarías. Así, cando matas ao líder, desestruturas á manda e os demais, ao ser inexpertos, cazarán presas máis fáciles, como é o caso do gando. Por iso, os ataques en Galicia pese a todo non diminuíron cos anos, senón que foron a máis en cabalos, vacas e cabras, caendo só en ovellas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta