Convocados os premios Mans Futuro para laurear aos mellores alumnos de conservatorios superiores

Deberán ter unha cualificación de sobresaliente ou matrícula de honra no traballo de fin de estudos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2023 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza impulsan a XVIII edición dos Premios Mans Futuro, que recoñecen a excelencia do alumnado dos conservatorios superiores de música de Galicia e promoven a súa proxección.

Segundo explican nun comunicado, este ano a convocatoria recupera as probas presenciais. Poderán concorrer a estes premios, financiados pola Fundación Paideia Galiza, o alumnado dos conservatorios superores dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, situados na Coruña e Vigo.

Deberán ter unha cualificación de sobresaliente ou matrícula de honra no traballo de fin de estudos na especialidade de interpretación no ano académico anterior ao da convocatoria dos premios ou no mesmo ano académico.

A persoa que resulte galardoada co primeiro premio realizará unha gravación discográfica, mestura, edición e masterización dun repertorio de 45 minutos, xa sexa como solista ou cun máximo de dous acompañantes, en sistema de gravación a disco duro en HD 3 de Prol Tools. Ademais, poderá gravar un vídeo en falso directo cunha duración máxima de tres minutos.

No caso dos recoñecidos coas dúas mencións de honra, os premios consisten nunha gravación dunha maqueta dun repertorio de 25 minutos e a gravación dun vídeo en falso directo cunha duración máxima de tres minutos. Todas as gravacións desenvolveranse nos Estudos Mans da Coruña no prazo de tres meses contados a partir da data de publicación da concesión dos premios.

PRAZOS E REQUISITOS

Para participar os interesados deberán cumprimentar o formulario de inscrición e presentalo na secretaría do conservatorio no que cursase os ensinos entre o 1 e o 21 de setembro de 2023.

Os inscritos que cumpran os requisitos deberán realizar unha proba de instrumento, ou de canto, segundo corresponda, nos Estudos Mans en novembro de 2023, que consistirá na execución dun programa de concerto, integrado por obras libremente elixidas.

O repertorio deberá estar formado por tres pezas (obras ou fragmentos da obra) de diferentes estilos, dunha dificultade acorde co nivel destes ensinos e cunha duración máxima de 30 minutos entre o tres. A persoa aspirante unicamente poderase presentar ao premio de forma individual realizando a interpretación como solista, con acompañameito da agrupación que precise, se é o caso.

Conservatorio Profesional de Música da Coruña
Conservatorio Profesional de Música da Coruña | Fonte: Páxinas Galegas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta