Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2023 | Actualizada ás 14:27
O novo túnel de Oural, no municipio de Sarria e que constitúe a actuación de "maior envergadura" da remodelación do corredor ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, está executado xa ao 54 por cento.
As obras da infraestrutura á que Adif destina 51,1 millóns de euros foron visitadas este mércores polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, quen destacou que os traballos de escavación avanzan a un ritmo de 45 metros semanais.
Ata a data, segundo recolle un comunicado da Delegación do Goberno, está escavado un quilómetro desta infraestrutura, que é, en palabras de Blanco, a de "maior envergadura" do proxecto para renovar o corredor entre Lugo e a capital ourensá.
Acompañado polo rexedor de Sarria, Claudio Garrido, e outras personalidades, o delegado incidiu en que o proxecto, no que traballan máis de 100 persoas, supuxo un "desafío técnico e de enxeñaría"
"Estamos a saldar unha débeda cos lucenses, cun investimento de 546 millóns para modernizar o ferrocarril que permitirá mellorar a fiabilidade e competitividade do tramo Ourense-Monforte de Lemos, fundamental dada a súa incorporación ao Corredor Atlántico de Mercadorías, á vez que conectamos Lugo coa alta velocidade a través de Ourense, facendo máis competitivas nosas empresas e impulsando a economía da Galicia interior", remarcou.
Neste sentido, subliñou que os investimentos comprometidos polo Adif para este corredor xa están desenvolvidas ao 88%, entre as que se inclúen, ademais do túnel de Oural, a estación intermodal de Lugo ou a ampliación da variante de Pobra de San Xiao.
OBRAS
En total, o novo túnel de Oural mide 1,8 quilómetros que substituirán ao actual, en servizo desde hai 140 anos, para mellorar o estado da infraestrutura e aumentar a calidade o servizo.
Execútase paralelo ao actual, separado 30 metros entre eixos e que se manterá como galería de emerxencia. A escavación do túnel faise en dúas fases, utilizando medios mecánicos e explosivos seguindo as directrices do Novo Método Austríaco (NATM).
Actualmente, o grao de avance da escavación é de 365 metros desde a boca Sur (lado Monforte) e 610 metros desde a boca Norte (lado Lugo), a un ritmo de 45 metros semanais.
Unha vez "calado" o túnel procederase a escavar os dous 2,5 m restantes da base ata conseguir a súa sección completa. Posteriormente, procederase ao revestimento de todo o túnel con formigón e á montaxe dos carrís sobre placa de formigón. Ademais, colocaranse os elementos de electrificación e os equipos de protección e seguridade do túnel.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.