A nova Lei de Calidade Alimentaria de Galicia garantirá "a excelencia" dos produtos autóctonos

Galicia vai ser a primeira comunidade de España en contar cun certificado de sustentabilidade para a produción alimentaria.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/09/2023 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, puxo en valor a nova Lei de Calidade Alimentaria (á que hoxe o Consello deulle o visto e prace e que será enviada ao Parlamento para a súa aprobación definitiva) xa que "garantirá a xa alta excelencia dos produtos agroalimentarios galegos e mellorará a súa competitividade no mercado".

Rueda explicou que o marco normativo que regula a calidade destes produtos en Galicia databa de 2005, polo que era necesaria unha actualización para adaptalo á realidade actual do sector, en referencia á extensión do uso das novas tecnoloxías na produción ou a incorporación da venda en liña.

O máximo mandatario autonómico destacou que o obxectivo é fomentar e garantir a elaboración de produtos sustentables e de calidade diferenciada en Galicia. E iso pasa, precisou, por reforzar a seguridade xurídica das empresas do sector e de dar máximas garantías aos consumidores de que os produtos pasan polos máis rigorosos controis de calidade.

"Trátase de garantir a máxima calidade dos produtos elaborados e comercializados en Galicia. Buscamos que o feito de que un produto teña orixe galega sexa sinónimo de excelencia en todo o mundo", resumiu o mandatario galego, que asegurou que a futura normativa permitirá avanzar neste camiño.

CERTIFICADO DE SUSTENTABILIDADE

Entre as novas medidas que incorpora a nova lei, Rueda destacou a creación dun certificado de sustentabilidade, que acreditará que na elaboración do produto respectouse o medio ambiente, os dereitos dos traballadores ou que se pagou a materia a un prezo adecuado. O presidente autonómico aclarou que adherirse será algo voluntario. Non en tanto, puxo en valor que os produtos que cumpran os requisitos contarán cun logo identificativo. "Deste xeito, Galicia vai ser a primeira comunidade de España en contar cun certificado de sustentabilidade para a produción alimentaria", sinalou.

A lei tamén impulsará a produción dentro das denominacións de orixe ou das indicacións xeográficas protexidas; profundará na profesionalización dos consellos reguladores; mellorará e actualizará o sistema de inspeccións e controis realizados polas administracións; e actualizará o catálogo de infraccións e sancións para adaptalo á nova realidade, como as vendas por Internet. Tamén incluirá novos produtos que non estaban na lexislación actual, como os derivados do viño, en referencia ao mosto ou o vinagre.

Ademais, a norma creará dous novos órganos de consulta e participación do sector. Un deles será o Consello Alimentario de Galicia, para o asesoramento na regulación, fomento e promoción da calidade alimentaria. O segundo será a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada, que terá como obxectivo impulsar este ámbito.

Vides da Denominación de Orixe Ribeiro
Vides da Denominación de Orixe Ribeiro | Fonte: UVigo - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta