O BNG reunirá o domingo á súa executiva para abordar o papel de Galicia como país no contexto da investidura

A formación nacional destaca que os temas de debate serán os que condicionarán o futuro de Galicia na próxima lexislatura, como o financiamento autonómico e o modelo territorial, todo no contexto do Goberno do Estado e tendo en conta tamén a importante cita coas urnas das eleccións galegas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2023 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

O BNG reunirá o vindeiro domingo, día 17 de setembro, á súa executiva nacional, encabezada pola portavoz nacional, Ana Pontón, para abordar o papel de Galicia no contexto da investidura. Diso informou a organización nacionalista nun comunicado, no que detalla que, no encontro, no que se abordará ao máximo nivel a situación política actual con motivo da formación de goberno a nivel estatal.

Precisamente, ese mesmo día estarán en Galicia tanto o líder do PSOE e presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, e o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, para participar en senllos actos organizados polos seus partidos. O BNG explicou que á reunión asistirán tanto os membros da dirección política do Bloque, a executiva nacional da organización e unha ampla representación institucional, incluíndo os representantes da formación nos distintos parlamentos: Néstor Rego (Congreso), Carme da Silva (Senado) ou Ana Miranda (Parlamento Europeo).

A formación nacional destaca que os temas de debate serán os que condicionarán o futuro de Galicia na próxima lexislatura, como o financiamento autonómico e o modelo territorial, todo no contexto do Goberno do Estado e tendo en conta tamén a importante cita coas urnas das eleccións galegas. O Bloque lembrou que a propia Pontón xa urxiu no pleno da Cámara galega esta semana a necesidade de optar polo autogoberno real, "actuando con ambición e con visión de país", pondo sobre a mesa a proposta galega de novo modelo de financiamento e dun novo status político de nación para Galicia. A líder do Bloque formulou tamén esta semana a necesidade de desbloquear a comisión parlamentaria do financiamento e reclamar todas as competencias pendentes que figuran no Estatuto.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na XVII Asemblea Nacional do BNG, no Coliseum da Coruña, a 6 de novembro de 2021, na Coruña M. Dylan - Europa Press
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na XVII Asemblea Nacional do BNG, no Coliseum da Coruña, a 6 de novembro de 2021, na Coruña M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta