Galicia traballa na mellora da eficiencia enerxética de centros educativos con rehabilitacións integrais

A mellora da eficiencia enerxética dos centros de ensino ten tres liñas de actuación: rehabilitacións integrais e melloras sectoriais (como o cambio de luminarias ou as impermeabilizacións das fachadas, que permiten un aforro enerxético de ao redor do 40 %), instalacións de biomasa e placas fotovoltaicas.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 16/09/2023 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou este sábado que o Goberno galego traballa na mellora da eficiencia enerxética dos centros educativos con rehabilitacións integrais e instalacións de biomasa e fotovoltáicas. O titular de Educación visitou este sábado a nova central de biomasa que dá servizo a varios edificios públicos, a maior parte deles educativos, en Lalín, tras un investimento de 1,3 millóns de euros por parte da Xunta.

No marco desta visita, da que informou a Xunta nun comunicado, o conselleiro destacou que a Administración autonómica traballa na mellora da eficiencia enerxética dos centros de ensino mediante tres liñas de actuación: rehabilitacións integrais e melloras sectoriais (como o cambio de luminarias ou as impermeabilizacións das fachadas, que permiten un aforro enerxético de ao redor do 40 %), instalacións de biomasa e placas fotovoltaicas.

"A través de todas estas medidas, enmarcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, buscamos reducir o impacto ambiental que supón climatizar os edificios educativos. Así mesmo, favorecemos o aforro económico nun contexto de alza dos prezos enerxéticos", dixo. Ademais, destacou que este tipo de melloras redundan nun maior confort para a comunidade educativa.

ATA UN 61 % DE AFORRO

No referido á central de biomasa de Lalín, Román Rodríguez subliñou o "ambicioso da instalación", que vai permitir "reducir as emisións de CO2 nun 61 % e un aforro económico anual de 27.000 euros". Neste sentido, apuntou que o consumo actual dos edificios é duns 63.000 litros de gasóleo/ano, o que supón 627.000 kWh de consumo enerxético e unhas emisións aproximadas de 195 toneladas de CO2 equivalente. Co cambio de combustible, o consumo será de 11,2 toneladas de CO2 equivalente, polo que o aforro estimado é de 184 toneladas, é dicir un 94 % menos respecto das emisións actuais.

Tal e como explicou o conselleiro, a obra está practicamente finalizada, a falta de que a empresa faga as probas correspondentes e poña a punto a instalación cos centros xa en uso. "Deste xeito, está previsto que todo estea listo o 7 de outubro, polo que a instalación estará en funcionamento para cando chegue a época de frío", sinalou.

O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que a de Lalín é a terceira instalación deste tipo, tras a posta en marcha en Pontevedra en 2021 e a que entrará en funcionamento este curso en Lugo, na que agora mesmo se están acabando os últimos detalles e que tamén estará lista para a época de temperaturas máis baixas. A nova instalación de biomasa alimentará catro edificios, en concreto o Instituto IES Ramón María Aller Ulloa, o Colexio CEIP Xesús Golmar, a Galiña Azul Lalín-Pontiñas e o Auditorio Municipal de Lalín, cun aforro posible entre todos de máis de 2.000 persoas.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visita actuacións levadas a cabo en centros educativos de Lalín
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visita actuacións levadas a cabo en centros educativos de Lalín | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta