Estudan novos casos sospeitosos de enfermidade hemorráxica en vacas de explotacións galegas

A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2023 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural confirmou que están en fase de estudo novos casos sospeitosos de enfermidade hemorráxica en vacas de explotacións galegas.

Fontes do departamento autonómico que dirixe José González consultadas por Europa Press sinalaron este xoves que estes casos foron remitidos ao Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid) para o seu estudo.

O pasado mércores, Medio Rural informou dos dous primeiros casos de EHE confirmados en Galicia. En concreto, foron identificados en dúas reses de explotacións dos municipios coruñeses da Capela e Abegondo.

O departamento de Medio Rural sinala que a EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides.

Dada a vía de transmisión, aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Por tanto, existe un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.

A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles.

Ademais, a Xunta aclarou que esta enfermidade non afecta as persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin polo contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite) destes animais.

SLG CRITICA Á XUNTA

O Sindicato Labrego Galego acusou á Xunta de "porse de perfil" ante a detección dos primeiros casos de enfermidade hemorráxica epizoótica en vacas, polo que demanda á Consellería do Medio Rural que "actúe como tal" e poña sobre a mesa "medidas reais, claras e contundentes".

A organización agraria sinala nun comunicado emitido este xoves, un día despois de coñecerse a detección dos primeiros casos de EHE en reses da Capela e Abegondo, que ten "constancia" de que existen "máis concellos afectados pola enfermidade".

Engaden que existe "un alto risco" de que a Consellería do Medio Rural "ofreza outro lamentable espectáculo de deficiencias en materia de saneamento animal, como o que leva meses dando" coa campaña de vacinación contra a lingua azul.

Así, o Sindicato Labrego reclama que tanto o EHE como a lingua azul sexan incorporadas ao seguro agrario da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (ENESA), á vez que demanda á Xunta que actúe con transparencia na xestión desta enfermidade que está a levantar "proecupación" nas granxas pola "inoperancia" da Administración autonómica.

"A consellería non está a contar cos axentes do sector nin traslada as súas intencións, malos hábitos que veñen caracterizando unha nefasta xestión e inoperancia que obviamente só poden derivar en que as problemáticas se compliquen cada vez máis, como ben sabemos co caso da lingua azul", conclúe o SLG.

Arquivo - Vacas. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Vacas. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta